Unha marea laranxa toma o Coliseum

DEPORTES

Marcos Miguez

Nin a xornada desapracible puido impedir que a afección do Leyma Básquet Coruña vivise con ilusión un día histórico e enchese o recinto co seu ánimo vibrante

29 sep 2024 . Actualizado á 21:18 h.

Día un da era Coliseum. Día un da era ACB. A Coruña, consciente da xornada histórica que vivía o Leyma, envorcouse e tomou por completo os arredores do recinto. A ilusión palpábase, sobre todo, no rostro dos máis pequenos. Moitos deles serán conscientes, nuns anos, do que presenciaron. Ataviados coa súa bufanda laranxa, nin a choiva puido quitar dos seus rostros a alegría. Con berros e aclamacións recibiron un a un aos xogadores do equipo como estrelas. Os máis afortunados levaron para o recordo un autógrafo e foto con Trey Thompinks, un dos máis aclamados. Atrás non quedou o artífice deste equipo, Diego Epifanio, que respondeu os afagos cun pausado —como é el— «grazas por vir».

Se fóra do Coliseum a emoción era latente, dentro do recinto multiplicouse aínda máis. Tras longas colas para acceder, as bancadas foron aos poucos collendo cor. Un tsunami laranxa que remataría por alagar por completo o espazo. A posta de longo oficial merecía o cheo. Máis de 9.000 afeccionados. Non só para ver ao Real Madrid, senón tamén para presenciar en directo como o seu equipo facía historia.

A primeira canastra, de Brandon Taylor, desatou a tolemia nas bancadas. Unhas bancadas que non cesaron de animar, de alentar, de protestar cada acción, de deixarse a voz e as mans. Bufandas ao aire, bandeiras e pancartas, bailes espontáneos... Todo por gozar de cada segundo do encontro.

«Imos Leyma, imos. Imos campión», «Leyma Coruña» ou «Atu, Atu, Atu Diagne» foron ningúns dos cánticos que resoaron por todo o recinto ao compás dun incesante bombo. Aquí ninguén baixaba os brazos. Ata algunhas das novas incorporacións do equipo coruñés miraban ensimesmadas o espectáculo que había na bancada. Un equiparable co que mostrou o Leyma sobre o parqué. Coa igualada no electrónico, a bancada viviu unha éxtase plena. Os de Epifanio plantaban cara aos madrileños, e a afección respondía deixándose a alma e vibrando con cada canastra dos seus —e non só canastras, un mate de Diagne a Tavares propiciou os «wow»— nun final de infarto e esperanza. «Si se pode», entoaron ao unísono. E púidose.

Un final histórico que reflectía á perfección o que fora o día. Non só gañou ao Real Madrid, forxouse unha unión espectacular no Coliseum. En cada berro. En cada festexo. A afección deixou o listón moi alto. Que isto siga. Aquí comeza a lenda.