Jorge Prado gaña a clasificatoria en Cózar e acariña o seu segundo Mundial de motocrós

DEPORTES

O galego aumenta a distancia a nove puntos, máis o desempate, sobre Gajser, que só puido ser terceiro

28 sep 2024 . Actualizado á 18:49 h.

Irredutible, intratable. Jorge Prado cumpriu o seu compromiso de saír ao ataque, de non conformarse con especular coa súa vantaxe sobre Tim Gajser, e impúxose na clasificatoria do Gran Premio de Cózar, en Castela-A Mancha, o aperitivo da cita decisiva para concretar quen será o campión do Mundo de MXGP. «Vou asumir os riscos que teña que asumir. Non son un piloto que arrisque de máis, que se volva tolo. Sei que se conduzo ao cento por cento teño moitas opcións de ganar», dicía o lucense a La Voz horas antes de afrontar a terceira proba puntuable en chan español do circuíto. 

Prado rematou primeiro o percorrido polas doce voltas cun crono de 25.21,529, o mellor da calificatoria. Segundo foi o neerlandés de KTM Jeffrey Herlings, que se viu apeado en Shanghái da pelexa final polo título. Gajser, o gran rival de Jorge polo título, acabou na terceira posición. Cuarto foi Seewer. O outro galego en liza, Rubén Fernández, rematou sétimo.

Con esta vitoria na calificatoria, Prado sumou dez puntos, polos oito de Gajser, co que aumenta a súa distancia na clasificación xeral ata os nove puntos: 953 para Jorge, por 944 do esloveno. Este domingo dispútanse as dúas mangas (14.15 e 17.10 horas, TVG2), que decidirán o campionato. A Prado abóndalle quedar por detrás do esloveno. En caso de empate, a vitoria sería para o galego. Quince mangas leva gañadas ata o de agora Jorge Prado. Cinco, Tim Gajser. Ese o criterio de desempate no caso de que os dous mellores pilotos de motocrós do Mundial de MXGP acaben o seu trepidante duelo en empate a puntos. 

Un pulso apaixonante

O Mundial tivo varios circuítos quentes. En Águeda, condicionado pola meteoroloxía, e en Maggiora, por unha caída que o acabou arrastrando, Jorge cedeu a maior cantidade de puntos. Fixo 19 en Portugal e 27 en Italia. Gajser só baixou unha vez de 40, e o destino, disfrazado de dous erros en senllas caídas, quixo que fóra na penúltima proba do Mundial en Shanghái. Sumou 26 puntos, polos 47 de Prado, e a placa vermella cambiou de mans. 

Un circuíto inédito

O Mundial decídese en España e iso pode favorecer a Jorge, que se mostrou intratable nas outras dúas citas no seu país. Sumou os 60 puntos en Arroyomolinos e tamén en Lugo, con Gajser segundo e cuarto, respectivamente. Pero, do mesmo xeito que coa proba galega, non hai precedentes en Cózar. Un circuíto novo, que tira ao pedregoso, e está pendente de testar. O último pulso entre Prado e Gajser promete. E Jorge ten no seu guiador ser campión.