A Garda Civil interveu por un multitudinario boureo final no Racing Vilalbés B-San Ciprián

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

DEPORTES

PEPA LOSADA

Os chairegos gañaban 3-1 na final de ascenso a Primeira Galicia cando unha agresión a un futbolista mariñán iniciou unha multitudinaria disputa

09 jun 2024 . Actualizado á 22:21 h.

A festa do Racing Vilalbés B por un ascenso que parecía feito quedou aprazada e emborronada este domingo por outro vergoñento capítulo de violencia no fútbol galego. Tras o 0-0 do primeiro duelo na final do play off a Primeira Galicia, o conxunto chairego vencía 3-1 ao San Ciprián no campo da Fonte, en Cospeito, cando se desencadeou unha multitudinaria disputa na que participaron xogadores e persoal dos dous clubs.

O colexiado Borja Bran López decidiu suspender un encontro que estaba a piques de entrar nos sete minutos de engadido cando a agresión dun futbolista do filial vilalbés a outro do cervense desatou o boureo. Segundo explicaron testemuñas presenciais, tras un encontrón entre ambos, o primeiro propinoulle unha puñada ao seu rival, que onte á noite ía ser examinado nun centro hospitalario ao abrirlle unha fenda na cella.

Tras esa acción, afeccionados, xogadores e persoal das dúas entidades participaron nunha disputa sobre A Fonte que só se resolveu coa chegada dunha patrulla da Garda Civil. Os axentes escoltaron ao persoal do San Ciprián na súa saída do campo.

O Racing Vilalbés condena os feitos

O Racing Vilalbés mostrou a súa rotunda condena aos feitos nun comunicado emitido esta mesma noite nas súas redes sociais: «Nos nosos 93 anos de historia, intentamos inculcar, entre outros, os principios de respeto e deportividade aos nosos xogadores, e feitos como o sucedido hoxe non son acordes con esos principios. O club tomará as medidas disciplinarias necesarias para que feitos como este non se volvan repetir».

Mentres se dedicaron ao fútbol, o Racing Vilalbés B aproveitara a súa boa primeira parte para porse 2-0. O equipo mariñán reaccionou tras o descanso, e incluso recortou diferenzas cun gol de Refacho, pero unha desafortunada acción preto do final disipaba todas as súas opcións. A federación decidirá agora que ocorre cun partido que estaba practicamente rematado cando comezou a lea que obrigou a suspendelo.