O curso sobresaliente do Val, que aspira aínda a un último «broche de ouro»

Elba de la Barrera Agulló
E.Barreira FERROL / LA VOZ

DEPORTES

REAL FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL

O combinado masculino, con fame disputar a final copeira da área, certificou o seu regreso a Preferente e o equipo feminino do cadro naronés fixo historia ao alzarse coa primeira edición da Copa Ferrol

06 may 2024 . Actualizado ás 18:58 h.

Con dúas xornadas de fase regular aínda por diante, O Val xa é un equipo de Preferente. Tras varios anos de ausencia, o combinado naronés, que o ano pasado xa se gañou o dereito a disputar o play off de ascenso, ten garantido o salto de categoría. A escuadra dirixida por Joaquín Rico Xaqui, un grupo novo con algúns dos mozos que cultivaron para o club o ascenso a Liga Nacional en categoría xuvenil, fixo gala dunha gran regularidade que lles valeu un ascenso que aínda poderían redondear coa conquista da Copa Ferrol tras empatar no partido de ida de semifinais ante o Perlío.

Unha conquista que, asegura o presidente do cadro valexo Félix Serantes, «sería pórlle máis que un broche de ouro á tempada». No entanto, co obxectivo máis que cumprido e unha cita ligueira pendente ante o Ural esta fin de semana en Sinde, desde o club animan aos amantes do deporte rei a achegarse a gozar da festa dun proxecto deportivo que cristalizou nun inesperado ascenso.

«O noso obxectivo era o da permanencia e pasar a tempada con tranquilidade, pero a verdade é que che ves aí e intentas conseguir o obxectivo de quedar campión e déronse esas circunstancias que o equipo e o corpo técnico aproveitaron», valora o máximo responsable do Val que ten claro que para un club humilde como o seu todo pasa por consentir a base.

«Non vemos outro camiño que seguir co bloque, que non está a dar bos resultados», avanza Félix sobre o reto que afrontarán o próximo curso en Preferente. «As categorías están para algo e o noso obxectivo será a permanencia e oxalá co paso das tempadas poder asentarnos como estabamos fai uns anos», explicita o presidente dun club pioneiro en materia de fútbol feminino e que tamén nesta sección pode presumir de estar recollendo os froitos do traballo ben feito. Baixo a coordinación de Bárbara Grandal, o crecemento da sección está a ser máis que notorio. Ademais, as valexas veñen de facer historia ao proclamarse ante o Escola FB Amistade campioas da primeira edición da Copa Ferrol Feminina.

Máis que un título

E é que, tras ser a propia Bárbara unha das impulsoras da creación da cita, recolleu a luva Abraham Yáñez —delegado da Federación Galega na área e o encargado de entregar a copa ás campioas— para que o fútbol feminino dese un novo paso adiante.

«Foi realmente precioso ver cheo o campo de xente que vibra no fútbol feminino como o que realmente é: fútbol», valoraban desde o club naronés tras alzarse cun título que é moito máis que un trofeo que sumar á vitrina. E é que a Copa Ferrol encarna unha nova conquista do Val e do deporte feminino da comarca nun curso sobresaliente para o club.