O Viveiro abraza un tesouro (1-0)

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

DEPORTES

Xaime Ramallal

Deu unha poutada á permanencia tras vencer un durísimo partido ao Estradense en Cantarrana cun gol de Gamarra no tramo final

21 abr 2024 . Actualizado ás 23:41 h.

VIVEIRO CF, 1: Ayoub; Nacho, Franco, Diogo, Barroso (Lombao, min 73), Juan, Arturo (Gamarra, min 54), Rolle (Dani Almagro, min 76), Miguel Ángel (Cora, min 46), Martín e Manu Martín. 

CD ESTRADENSE, 0: Israel; Bruno Caballero, Ander, Raúl Gómez, Juanín, Elías (Migui, min 61) (Brais Calvo, min 76), Carabán, Javicho (Óscar López, min 76), Yosi, Dani Prada (Porrúa, min 76) e Sobrido (Raúl Paz, min 65).

GOLES: 1-0, min 76: Gamarra.

ÁRBITRO: García López Arias (Pontevedra). Amoestou ao xogador visitante Óscar López.

INCIDENCIAS: Uns 150 espectadores en Cantarrana.

O Viveiro abrazou un tesouro que o achega á permanencia en Terceira Federación na visita dun férreo Estradense. Nun partido de poucas oportunidades e onde os visitantes se sentiron máis cómodos en moitas fases, un gol de Víctor Gamarra preto do final serviu aos mariñáns para encadear a súa terceira xornada consecutiva invicto, gañar a gol average a un rival directo e obter catro puntos de renda sobre o descenso con só catro por disputarse.

Fora mellor a posta en escena dos homes de Alberto López, que puideron adiantarse nunha indecisión entre o porteiro e a zaga que intentou aproveitar Rolle, pero o esquema con tres centrais do tamén exviveirista David Páez asentouse pronto. Con Dani Padra hiperactivo na banda, as poucas opcións de gol da primeira metade foron dos de Tabeirós. O propio carrilero rematou libre de marca un córner no segundo pau e Sobrido esixiu unha boa intervención de Ayoub Atib.

As forzas igualáronse na segunda metade, con máis ida e volta. Gamarra, que entrara desde o banco, perdoou nunha dobre oportunidade fronte a Israel Salgueiro, pero preto do final atopou o premio á súa insistencia nunha xogada directa dos celestes. O seu punterazo coa zurda sorprendeu ao meta visitante.

Restaba apenas un cuarto de hora de xogo e o cadro celeste defendeu o seu tanto con orde e orgullo, sen apenas ofrecer concesións ao Estradense. A insistencia final dos visitantes non deu máis sustos que un balón colgado á área no que Ayoub estivo firme e valente para abortar o perigo cos puños.