O piloto de Dumbría mostra o seu dominio cun triunfo incontestable na segunda proba do Campionato Galego
06 abr 2024 . Actualizado á 22:00 h.Víctor Senra é imparable. Non ten rival. A pesar de que haxa dous coches World Rally Car (WRC) máis competindo contra el, o de Dumbría demostra ser o piloto galego máis en forma de todo o Campionato Galego gañando a 28.ª edición do Rali do Cocido, tras saír airoso da primeira cita do calendario na Coruña e chegando á súa vitoria número 40 en ralis demostrando todo o seu dominio.
A choiva foi a gran protagonista da mañá, deixando a pista sucia e esvaradía nos primeiros tramos, sobre todo en Carballeda, tramo que abría o rali. O outro actor principal sería Víctor Senra, que tivo un inicio complicado e non foi capaz de adaptarse ao mal tempo. En ambas as pasadas polo tramo Carballeda, o de Dumbría non logrou o scratch e os máis rápidos foron Daniel Berdomás na primeira pasadea, e Alberto Meira na segundo.
Aínda que parecía que podía ser un rali con pelexa ata o final, foi unha miraxe. Senra púxose por diante na clasificación xeral e deixou sentenciada a vitoria tras o paso de tramo en Mouroces —a metade do Rali do Cocido e no descanso do mediodía— sacando case vinte segundos a Alberto Otero, segundo clasificado e cun WRC.
Loita polo segundo posto
Co triunfo xa sentenciado por parte de Víctor Senra, toda a atención dirixiuse á segunda posición. A pelexa entre Alberto Otero e Meira disputábase en apenas décimas de segundo e unha mala saída do piloto de Skoda no primeiro tramo de Saborida serviu en bandexa a Otero para rematar por detrás do seu compañeiro de escuadra Víctor Senra, que segue mostrando o seu dominio en cada cita do Gallego. A próxima será o rali do Berberecho en Noia do 19 ao 20 de abril.