Rosalía Veiga saca músculo entre as mulleres máis fortes de Europa

I. D. R. REDACCIÓN / LA VOZ

DEPORTES

A focense levantou 452,5 quilos, con marcas persoais de sentadilla e banca, no certame continental de powerlifting en Croacia, onde foi duodécima

23 mares 2024 . Actualizado ás 10:37 h.

Tras apenas un par de anos de esforzo e paixón polo powerlifting, Rosalía Veiga Lestegás (Foz, 1998) está lonxe de coñecer os seus límites, pero xa come na mesa das mulleres máis fortes de Europa. A vixente campioa de España na división de menos de 69 quilos sacou músculo no Campionato de Europa celebrado a pasada semana en Velika Gorica, en Croacia , mellorou as súas plusmarcas nos exercicios de sentadilla e banca, e obtivo unha meritoria duodécima posición.

Na súa nova experiencia coa selección nacional mellorou un posto respecto ao certame do pasado decembro en Estonia e igualou os 452,5 quilos que levantou para coroarse en Granada. «Quedeime a nada de facer tamén o meu récord no peso morto», explica unha atleta que fallou no intento de conseguir 202,5 e quedou con 195 nun exercicio que sumou aos seus estratosféricos 157,5 en sentadilla e 100 en press banca.

A súa actuación deixouna ás portas do top dez nunha categoría onde arrasou a norueguesa Kjenner Marte, con 540 quilos en total. «Quedei contenta, pero con fame de moito máis», admitiu Veiga, unha das abanderadas dunha delegación española que festexou un ouro de Iván Campano en -59 quilos, as pratas de Víctor Vázquez en -120 e Rubén Rico en +120, e os bronces de Ana Fernández en -47 e Álvaro Fernández en -66.

Os 452,5 quilos conseguidos por Rosalía en Croacia supoñen tamén a mellor marca española da súa categoría nun ano no que se marca o obxectivo de revalidar o título nacional o próximo mes de setembro en Alhaurín de la Torre, en Málaga. «De momento, con esta competición son mellor marca de -69 do 2024, pero aínda queda o Nacional e hai moita xente moi forte. Terei que seguir traballando para manterme arriba», destacou unha muller que pretende gañar o ouro para clasificarse ao Europeo de powerlifting de Málaga 2025, ao que agarda chegar aínda máis forte.