A afección do Athletic devolve a Simeone a súa pisadela a Julen Guerrero

Iago García
I. GARCÍA LA VOZ

DEPORTES

Os bilbaínos asinan unha brillante eliminatoria e unha noite para o recordo en San Mamés. En plena éxtase goleadora, as cámaras de televisión e os móbiles «cazaron» ao Cholo dándose de bruzos co seu pasado. A vinganza dos leóns estaba servida

01 mares 2024 . Actualizado ás 14:55 h.

Os Athletic de Bilbao - Atlético de Madrid sempre son duelos disputados. Leóns e colchoneiros sempre se caracterizaron polo seu xogo contundente, sen contemplacións en defensa e con verticalidade ofensiva. Máis aínda se cabe cando os técnicos que tiran as liñas na lousa son Ernesto Valverde e Diego Pablo Simeone, aínda que onte á noite ao primeiro o guión da película quedoulle mellor que ao segundo. O Atlético de Madrid partía en San Mamés con desvantaxe tras o 0-1 no Civitas Metropolitano. Ao Athletic, que leva 40 anos sen conseguir un gran título (exceptuando a Supercopa do 2021), notáronselle as ganas desde o asubío inicial e non deu tregua, animado por brillantes actuacións como a dos irmáns Williams que anotaron senllos tantos, o que sumado ao de Guruzeta deixou un parcial (e un resultado final na volta) de 3-0 (o total da eliminatoria foi de 4-0), entrando pola porta grande na final dunha competición na que outrora era considerado como un dos equipos «reis de copas» -leva 40 finais disputadas, tantas como o Real Madrid e só 2 menos que o F.C. Barcelona- con 24 títulos, cifra só superada polo Barça, que acumula 31 Copas do Rey nas súas vitrinas.

Tras o terceiro tanto a festa trasladouse ás bancadas, cunha afección consciente de que en abril pode acabar coa seca no palmarés. Nesa éxtase, un afeccionado coa camiseta do ídolo local noventero Julen Guerrero , ía deixar unha imaxe para o recordo. Pero antes, fagamos memoria. Guerrero e Simeone protagonizaron un dos encontróns máis soados da historia do fútbol español. Corría o ano 1996 e disputábase un Athletic - Atlético de Liga . Tan só cinco minutos desde que o árbitro dese comezo ao encontro. O mediapunta vasco tirábase ao chan para que o balón non saíse pola banda co central arxentino protexendo o balón. No momento en que o colchoneiro ve que o león pode gañarlle a partida levanta a súa perna dereita e marca os tacos no seu rival coma se dunha res tratar. Un auténtico buraco de bala na coxa do que para moitas era todo un sex symbol naquela época.

Desde entón, xa sexa como técnico ou futbolista, Simeone é considerado persoa non grata en San Mamés. E onte á noite o Cholo volveu citarse con este pasado. En primeira fila, con total nitidez a cara desencaixada polo mal papel dos seus coa elástica de fondo do eterno 8, Julen Guerrero . 

Este desquite é o primeiro paso na conquista dunha nova Copa de Rey para o Athletic. A de Valverde. A dos irmáns Williams. A que 40 anos despois suceda á de Clemente, Goikoetxea e Zubizarreta. O desenlace o 6 de abril no Estadio da Cartuxa. E con permiso dos de Javier Aguirre, claro.