O infinito legado de Peque en Burela

Iván Díaz Rolle
Iván Rolle PISTA VERMELLA

DEPORTES

XAIME RAMALLAL

27 novs 2023 . Actualizado ás 10:25 h.

Teledeporte emitiu o reencontro de Patricia González, Peque, e o Burela Pescados Rubén. Aos seus 36 anos, a eterna capitá laranxa decidiu regresar a Madrid e agora loita por un Alcorcón co que este domingo igualaron 1-1 e é segundo na Primeira Iberdrola de fútbol sala, só por detrás das mariñás. Tras baterse como guerreiras na cancha dos Cantos, a foto final arroupada polas súas excompañeras demostra o infinito recoñecemento a unha xogadora que en nove tempadas na costa lucense conquistou cinco Ligas, seis Copas da Reina , cinco Supercopas e unha Champions e unha Recopa de Europa oficiosas, ademais de ser elixida dúas veces balón de prata nos Futsalplanet Awards, que tamén premiaron ao conxunto que abandeiraba como o mellor club feminino do mundo nos seus dúas últimas edicións.

Pero o legado en Burela de Peque, tamén 103 veces internacional e tricampioa de Europa coa selección española, vai moito máis alá. Nun deporte que clama por mulleres  referentes que demostren ás nenas que elas tamén poden xogar, foi un exemplo perfecto de deportista. Nunca foi a máis forte, nin a máis alta —talvez si a máis pequena—, poida que tampouco a máis técnica; si a máis lista e sacrificada. Mentres as súas actuacións reportábanlle recoñecementos individuais, seguiu sendo a primeira en correr para que os triunfos fosen colectivos.

Fóra da pista, tamén suou a camiseta para esixir unhas condicións máis dignas para as futbolistas, un Mundial oficial, normalizar a homosexualidade... E converteuse nunha pataqueira máis, forxando unha gran familia en terras galegas.

Por iso, en Burela, non só as nenas, moitos nenos tamén soñan con ser como Peque. Nunha campaña que comezou axitada pola cuestionable calidade das emisións de pagamento, mostrar na televisión pública o seu infinito legado como guerreira laranxa é un paso á fronte para o fútbol sala feminino.