Unai Emery en Barreiro

DEPORTES

MOLLY DARLINGTON | REUTERS

15 oct 2023 . Actualizado á 23:17 h.

Unai Emery comprou hai dous anos o 20 % da Real Unión a cambio de 1,2 millóns de euros, e converteuse, en compañía do seu irmán Igor, no máximo accionista do histórico club guipuscoano, gañador de dúas Copas de España e un dos fundadores da primeira liga española. Todo, porque o seu avó e o seu pai defenderon as cores da entidade inquilina do Stadium Gal, un equipo ao que sempre se sentiu moi unida a familia Emery.

Ata aquí, todo máis ou menos normal, porque o adestrador do Aston Villa non é o primeiro futbolista ou adestrador mecenas no fútbol español. Pero o que chama poderosamente a atención é que Unai utilice a súa única fin de semana libre para acompañar ao conxunto irundarra ata Barreiro para medirse coa Celta Fortuna. Ao preparador seríalle moito máis doado charlar do club co seu irmán, pedir informes ou, como moito, velo pola tele. Pero non, o equipo do ourensán Fran Justo chegaba como segundo a Vigo, e Unai quixo estar no palco para arroupalo, un xesto que fala de compromiso co proxecto e que vai máis aló dunha aposta sentimental. Se fose así, con poñer o diñeiro para achegar ao equipo ao fútbol profesional xa cumprise dabondo.

Poida que no fondo, para Emery, volver ao fútbol de bronce sexa un retorno ao pasado para refrescar a memoria e lembrar o punto de partida. Porque pasar polo Valencia, Sevilla, Vilarreal, PSG, Spartak de Moscova, Arsenal e Aston Villa (quinto clasificando da Premier, e apertando aos grandes) e gañar títulos importantes, está moi ben, pero sen aquel Lorca que colleu xusto a continuación de colgar as botas de futbolista nada sería posible. Nin comprar á Real Unión dos seus amores, ao que, por certo, inxectáronlle un millón e medio máis noutra ampliación de capital. No seu caso, o compromiso para nada é unha pose.