Gabri Veiga e Nico lideran a prelista de 27 xogadores de España para o Europeo sub-21

La Voz

DEPORTES

CATI CLADERA | EFE

Os de Santi Denia disputarán este campionato, que actuará como torneo preolímpico, do 21 de xuño ao 8 de xullo en Xeorxia e Romanía

02 jun 2023 . Actualizado á 12:37 h.

Gabri Veiga, futbolista do Celta, e Nico Gónzalez, xogador do Barcelona cedido no Valencia, lideran a prelista da selección española sub-21 facilitada polo técnico Santi Denia este venres de cara ao Europeo da categoría, que actuará ademais como torneo preolímpico e que se disputará do 21 de xuño ao 8 de xullo en Xeorxia e Romanía.

A convocatoria conta con 27 xogadores e será despois do amigable do día 13 de xuño contra México cando Santi Denia dea a coñecer os catro descartes antes de viaxar ao Europeo.

O seleccionador español sub-21 incluíu na lista a catro caras novas respecto á anterior: o lateral esquerdo Miguel Gutierrez (Xirona), o central Alejandro Francés (Zaragoza), o centrocampista Adrián Bernabé (Parma) e o dianteiro Juan Miguel Latasa (Xetafe).

Respecto aos outros 23 xogadores, Santi Denia mantén o bloque dos que chamou no anterior parón internacional de marzo, cun Gabri Veiga que causou baixa entón por lesión, días despois de ser convocado; o seu lugar ocupouno Pablo Barrios (Atlético de Madrid), que non foi chamado este venres.

España debutará no Europeo fronte a unha das anfitrioas, Romanía, e continuará o seu camiño contra Croacia e Ucraína nun torneo que, ademais, outorgará tres prazas para os Xogos Olímpicos de París 2024, sen contar a Francia, clasificada automaticamente ao albergar a competición.