A resurrección de Benzema e Courtois

DEPORTES

JUAN MEDINA | REUTERS

Os heroes da anterior Champions, erráticos no inicio desta tempada, volven ser decisivos para o Real Madrid noutra noite europea máxica

12 abr 2023 . Actualizado á 23:20 h.

Se a pasada tempada o Real Madrid coroouse rei de Europa contra prognóstico foi porque luciu ao mellor porteiro do mundo e saboreou a eficacia dun dianteiro en estado de graza. Thibaut Courtois agrandouse baixo paus e, arriba, Karin Benzema fíxose merecedor do Balón de Oro con 15 goles no torneo: cinco na fase de grupos; hat trick en oitavos na remontada ante o PSG, catro en cuartos ante o Chelsea (triplete na ida e o decisivo na prórroga na volta) e tres en semifinais ante o Manchester City (dous en Inglaterra e o decisivo 3-1 no Bernabéu).

Esta campaña, todo era diferente. Nin Courtois nin Benzema estaban a ser decisivos e o Real Madrid entregouse a Vinicius como único elemento ao que abrazarse camiño cara ás vitorias. Do brasileiro dependía todo. Non había outra receita. O belga enlazou lesións na primeira parte da tempada e apenas conseguiu deixar a súa portería a cero (só 8 nos primeiros 29 encontros da tempada). Con cantada incluída no duelo de Anfield na ida dos oitavos da Champions. Pero se o xigante de Bree non estaba á altura, incluso lle ía peor ao ariete francés, desaparecido na enfermería e unha alma en pena cada vez que saltaba ao verde. Nin un, nin outro rendían. E xa case nin se lles agardaba.

Con todo, chegou a fase decisiva da tempada e ambos resucitaron. Benzema asomou a patita hai dez días ao asinar un triplete contra o Valladolid e tres despois repetía hat trick fronte ao Barcelona na remontada da Copa do Rey. Ante o Chelsea, volveu ser decisivo, sacando brillo á súa gran conexión con Vinicius que lles permitiu fabricar o tanto do 1-0. O francés suma 90 tantos en Champions na súa carreira e está a só un xa de entrar no podio histórico. Só Messi, Cristiano e Lewandowski lograron acadar esta cifra.

O seu idilio contra os equipos ingleses é digno de estudo. Os seus 11 últimos tantos europeos foron contra conxuntos da Premier. O Chelsea xa recolleu seis balóns da súa portería nas tres últimas eliminatorias xogadas (un na tempada 2020-21, catro na 2021-22 e un na presente) e queda aínda a volta.

As paradas claves de Courtois

E máis do mesmo na outra área. Se Benzema empeza a ser letal en ataque (7 tantos no últimos catro partidos xogados), Courtois tamén relanza ao seu equipo na propia. No clásico de Copa sostivo aos brancos cando o Barcelona puido porse por diante. En pleno minuto 45, con 0-0 no electrónico, realizou unha gran parada, que acabou en contra e gol.

E ante o Chelsea foi algo parecido. Salvou dous na primeira metade. Sobre todo, a da acción xusto despois do tanto de Benzema. Camavinga fallou na marca sobre James, que centrou, e o belga meteu unha gran man abaixo ante Sterling. Outro deses paradones que cambian eliminatorias.

Thibout e Karim. Courtois e Benzema. Os dous homes que volven gañar partidos para o Real Madrid.