Saleta Fernández regresa coa medalla de prata en altura

X.R.C. VIGO

DEPORTES

RFEA

Joselyn Brea foi terceira no 3.000 do nacional baixo teito e Jacobo Soler bateu unha marca galega con 16 anos de vida

18 feb 2023 . Actualizado ás 22:51 h.

Saleta Fernández está de volta. Nun ano de cambios, a monfortina colgouse a prata na proba de salto de altura a pesar de finalizar terceira, a mesma posición que conquistou Joselyn Brea, a venezolana afincada en Pontevedra e que corre con licenza galega. Ademais, a segunda xornada do Campionato de España baixo teito confirmou a presenza de Adrián Ben na final dos 800 metros e regalou unha nova marca galega nos 400 metros da man de Jacobo Soler cun tempo de 47.77 segundos. Hoxe tamén é o día de Belén Toimil, a gran favorita no lanzamento de peso.

Saleta Fernández volve estar no bo camiño tras unha complicada lesión e un cambio de adestrador que lle levou de Cantabria a Navarra. A monfortina liderou o concurso de altura durante un bo treito tras superar á primeira todas as alturas ata o 1,78 metros. A partir de aí, colocou o listón en 1,81, distancia que xa resultou infranqueable. Saleta fixo tres nulos e rematou por detrás dunha Stancev (campioa de España ao aire libre o ano pasado) e Jennifer Rodríguez, as dúas con 1,81.

O segundo éxito da xornada asinouna Joselyn Brea. Despois de brillar no cros, foi a única que lle puido facer algo de sombra as dúas martas na final do 3.000. Marta Pérez e Marta García mantiveron un man a man ata a mesma liña que se resolveu por catro centésimas a favor da soriana, pero ata a antesala do toque de campá da última volta, as dúas levaron pegadas como a cotra á galega de adopción, que entrou na terceira posición cunha ampla marxe sobre a cuarta clasificada.

Marca no 400

Outra das grandes noticias do día foi a marca galega dos 400 metros asinado por Jacobo Soler . O atleta vigués marcou un tempo de 47.77, 3 centésimas, xubilando a marca do ourensán Darío Vázquez (47.80), que tiña 16 anos de vixencia (desde o ano 2007). Soler conseguiu o rexistro na terceira semifinal dos 400 metros.

Por outra banda, non houbo sorpresas nas semifinais dos 800 metros e todos os favoritos se clasificaron para a final desta mañá (14.25 horas), entre eles, Adrián Ben. O de Viveiro tomou parte na terceira e última serie clasificatoria e non tivo ningún problema para pasar sen facer ningún esforzo extra. Adrián pasouse gran parte da carreira na terceira posición, cun cambio de ritmo colocouse segundo e cando viu unha distancia prudencial co seu inmediato perseguidor, levantou o acelerador para pasar por postos. Hoxe verase as caras con Saúl Ordóñez, Mariano García e Pablo Sánchez-Valladares. Todos eles liquidaron o pase por postos e sen ningún susto.

Adrián é unha das claras opcións de medalla para Galicia, igual que Belén Toimil, que afrontará a final directa de peso desde as 12.05 (Teledeporte). Sácalle máis de dous metros de marxe ao seu principal rival.

Xela Martínez, primeira europea na proba sub-20 do Mundial de cros

A lucense Xela Martínez non deixa de sorprender. Con 17 anos e na súa primeira participación nun mundial de cros en categoría sub-20, a atleta da Atlética Lucense entrou na liña de meta como vixésimo segunda, sendo a primeira das europeas, ademais de encabezar ao equipo español que asinou a mellor actuación (sétima) como selección sub-20 desde Turín 1997.

Xela viaxou a Australia sen ningunha presión, co único obxectivo de coller experiencia na gran competición, pero o resultado estivo moi por amais do agardado.

A vixésimo segunda posición está cargada de valor, pero máis tendo en conta que ningunha outra europea estivo tan preto das africanas favoritas. A cita australiana confirmou todo o potencial da lucense, que pode marcar unha época no fondo español se mantén a progresión.

María Viciosa, foi a segunda das españolas.