0003_202302G8P38_COPY994

Mikel Arteta, o sucesor de Wenger que está preto de cobrar a súa última débeda

Antón Lestón Lago
antón lestón REDACCIÓN / LA VOZ

DEPORTES

Peter Powell | EFE

Tras varios anos difíciles, o vasco devolveu ao Arsenal un fútbol atractivo e ofensivo co que lidera a Premier League

07 feb 2023 . Actualizado ás 19:25 h.

«Recordo cando Arteta estaba aquí e saltaba moito cando metiamos goles... excepto contra un equipo, que quedaba sentado. Era o Arsenal. Nese momento souben que lle gustaba de verdade e que iría axiña que o chamasen», comentou Pep Guardiola hai uns días nunha rolda de prensa sobre a súa exayudante no Manchester City. Ese amor pola casa gunner fixo que fose o elixido para substituír a Unai Emery no banco a finais do 2019. Nas súas mans, un Arsenal que combinaba uns poucos xogadores de renome, como Ozil e Aubameyang, con descartes doutros grandes equipos e xogadores da casa.

Non era suficiente para a esixencia que chegaba desde os propietarios e os afeccionados, que desexaban volver vivir épocas tan douradas como a do primeiro decenio de Wenger (1996-2006). Así que, como xa fixera sendo o seu capitán, Mikel Arteta (SanSebastián , 1982) seguiu os pasos do seu mestre. Centrou esforzos en mellorar a infraestrutura de canteira e todo aquilo que rodease ao primeiro equipo e, aínda que os resultados non lle desen a razón, o progreso serviu aos donos de fianza para darlle tempo. O ano pasado estivo a piques de quedar cuarto, pero esta tempada chegou o gran salto.

O Arsenal rompeu a tiranía do Liverpool e City na Premier League. ¡E de que xeito! É líder, con 50 puntos, de 60 posibles, e sácalle 5 ao equipo de Guardiola, que xa xogou un partido máis. Todo grazas a un proceso no que foi clave a confianza da dirección e a súa relación co vestiario. E, é que, o vasco, ademais de devolver ao norte de Londres ese fútbol ofensivo e combinativo que encandeara a Europa a principios do milenio, logrouno con métodos innovadores para mellorar os vínculos afectivos cos seus xogadores e reforzar a unidade do grupo.

Foi determinante, tamén, ao fichar. Desde a súa chegada, o Arsenal investiu máis de 400 millóns en xogadores como Thomas, Odegaard, Gabriel Jesús, White, Ramsdale... Unha renovación total, que se completou con talentos desa canteira que el volveu valorar, como Saka ou Smith Rowe. Un método que segue os pasos do seu mestre para gañar un título que non levantan desde a liga 2003-04.