Pato Guillén, porteiro do Compostela: «Todos preguntades pola miña xubilación»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO LA VOZ / SANTIAGO

DEPORTES

«Os futbolistas somos uns privilexiados porque traballamos no que nos apaixona»

07 may 2024 . Actualizado ás 19:25 h.

Patricio Damián Guillén Gandini (Montevideo, 1984) empezou a xogar ao fútbol no equipo do seu barrio, no Furacán. Aos 13 anos foise ao River Plate, tamén de Montevideo. Sendo xuvenil comezou a adestrar co primeiro equipo, co que debutou antes de cumprir os 20. Estivo nunha preselección sub-20 con Uruguai e seguiu na Primeira División do seu país co Atlético Cerro e o Racing Club, tamén da capital uruguaia. A súa nai e a súa irmá vivían en Barcelona e decidiu cruzar o charco. «Estaba xogando poucos minutos e tiña dúas opcións, ou irme á Segunda do Uruguai ou probar fortuna en España. Apetecíame cambiar e vin á Terceira División española», conta o veterano cérbero branquiazul.

Despois de militar en varios clubs, chegou ao CD Ourense, co que ascendeu á Segunda B. Luisito estaba no banco, o persoal non cobraba e o equipo foi campión de España de Cópaa Federación. Despois, Barakaldo, unha primeira etapa no Compos, Boiro, UD Ourense e de novo no Compos, onde cumpre agora a súa cuarta tempada consecutiva (quinta en total).

Pato Guillén superou no Compos a histórica marca de imbatibilidade que estableceu Docobo (José Ramón Fernández Docobo, Ribadeo, 1962) na tempada 89-90 cun total de 652 minutos sen recibir un gol. Un rexistro que durou 30 anos. Despois, ninguén bateu ao uruguaio durante dous meses e medio, desde o 20 de outubro do 2019 ata o 5 de xaneiro do 2020. Pato Guillén aguantou 798 minutos sen encaixar un gol, desde o minuto 33 do encontro ante o Estradense na capital galega ata o minuto 21 do partido disputado no Couto fronte ao Ourense Cf.

—Custoulle moito cruzar o charco?

—Non foi difícil tomar aquela decisión. Tiña moita ilusión por cambiar e foi relativamente doado facer as maletas.

—Xa está a pensar na xubilación?

—Non se se é bo ou malo, pero todos me preguntades o mesmo. Vou día a día, sen pensar no que poida pasar. Está claro que non vou estirar por estirar a miña carreira deportiva. Cando non me atope ben e non teña a mesma ilusión que agora, claro que o deixarei. Sei que iso chegará máis pronto que tarde, pola idade que teño. Están a respectarme as lesións e teño moitas ganas de seguir.

—Ten agora máis ilusión por vestirse de curto que cando era máis novo?

—Cando es mozo non che dás conta de moitas cousas, pero agora saltas ao terreo de xogo con moitísima ilusión. Cada adestramento e cada partido sabes que pode ser o último. Por iso, vivo cada xornada coma se fose a última. Todos sabemos, e eu tamén, que o final está máis preto.

—Retirarase no Compos?

—Non se o que pode pasar mañá, pero todo apunta a que o día que deixe o Compos é posible que deixe o fútbol. É o que penso agora, pero non se o que pensarei ou farei mañá.

—Seguirá vinculado ao fútbol?

—Ademais dos niveis de adestrador e da escola de tecnificación de porteiros de Ourense, estudei varias cousas. Gustaríame seguir vinculado ao fútbol, pero no futuro terei outras opcións.

—Que lle deu o fútbol?

—Dediqueime toda a vida a este deporte. Somos uns privilexiados porque facemos e vivimos do que realmente nos gusta. Nestas categorías nas que estamos a xogar somos traballadores normais, pero vivimos do fútbol, da nosa afección, da nosa paixón. É un luxo.

—Cales son as claves para poder chegar á súa idade nun perfecto estado de forma?

—Un gran coidado persoal. Ser moi profesional, adestrar moi duro e ter sempre moitas ganas de seguir facendo o que che gusta. Amo este deporte e iso é unha das claves de estar aínda en activo.

—Vive no Compos a súa mellor etapa como futbolista?

—Cheguei a Santiago nun momento e nunha idade perfectos. Tiven a sorte de aprender moito da man de Yago Iglesias , de ver o xogo doutro modo, de ter un rol diferente dentro do campo. Cheguei a San Lázaro con moita madurez e atópome moi a gusto, querido polo club, pola xente e polos compañeiros. Está claro que as miñas etapas no Compos e no CD Ourense son as dúas nas que máis feliz me atopei xogando ao fútbol.

—Conseguirá o Compos o ascenso con Fabiano Soares?

—Fabiano é unha lenda do Compos. Sabemos moi ben a persoa que temos en fronte. É moi directo e non se anda con rodeos. Iso é moi bo para o grupo. Estamos encantados e hai que ir aos poucos.