Un exitoso percorrido que empezou con derrota en Riazor: Marcelo e o seu posible adeus ao Bernabéu

DEPORTES

ISABEL INFANTES | REUTERS

O deste venres pode ser o último partido na casa para o capitán, Isco ou Bale

19 may 2022 . Actualizado á 18:57 h.

Coa liga xa gañada e con todas as miradas postas na final que xogará en París ante o Liverpool. Pero o deste venres ante o Betis (21.00, Movistar LaLiga) non será un partido máis para o Real Madrid nin para a afección do Santiago Bernabéu, que terá a posibilidade de homenaxear a un dos xogadores máis importantes dos seus 120 anos de historia: Marcelo Vieira, que apunta a ser baixa para este verán.

O brasileiro, que aínda non confirmou nin desmentiu a súa marcha, chegou como unha promesa a un club no que xa daba as súas últimas rabexadas Roberto Carlos. Foi no mercado invernal do 2006 cando desembarcou na capital de España onda outros dous mozos suramericanos, Higuaín e Gago. Non tardou en debutar e o 7 de xaneiro do 2007 xogou os seus primeiros minutos oficiais de branco. Onde? Nun Riazor aínda maldito para o madridismo, que volveu utilizar ás meigas para manter o esconxuro e vencer por 2-0. Era o «baby Depor» de Joaquín Caparrós, con De Guzmán e Duscher na sala de máquinas e coa dianteira formada por Riki e un Cristian Hidalgo que sentenciou o duelo tras o primeiro tanto de Capdevila. 

No entanto, aquela tempada gañando o seu primeiro título no club tras lograr o título de liga logo dunha serie de remontadas moi similares ás máis recentes en Liga de Campións, coas que opta a pechar o círculo co que podería ser o seu último galardón. Entre ambos, de marcharse, deixaría un legado sen igual para as arcas do club máis laureado do mundo, no que pasou máis de quince anos. Participou en 24 trofeos, incluíndo 4 Champions League, 4 Mundiais de Clubs, 3 Supercopas de Europa, 6 Ligas, 2 Copas do Rey e 5 Supercopas de España, máis que ningún outro xogador na historia do Real Madrid, que tampouco comunicou nada acerca dunha posible homenaxe.

Isco e Bale, dous imprescindibles nas catro Champions

Os que tamén parece que están ante o seu último partido como madridistas no Santiago Bernabéu son Isco Alarcón e Gareth Bale. Ambos foron convocados por Ancelotti, aínda que o galés se podería quedar na bancada. «Que xogue ou non mañá non é tan importante. O importante é que foi parte da historia deste club", dixo o técnico italiano na rolda de prensa previa. 

Os dous xogadores chegaron no verán do 2013 á capital de España e foron pezas moi importantes no glorioso ciclo europeo das catro Copas de Europa nun lustro. Na primeira, Isco axitou o encontro e Bale anotou o gol da remontada. Na segundo, o atacante, tocado, marcou o seu penalti e o centrocampista volveu ser clave durante a prórroga. E se na terceira Isco foi máis protagonista ante o Juventus, Bale marcou a diferenza na cuarta, con dous goles máis ante o Liverpool. Tanto un como outro foron, ademais, pezas fundamentais noutros trofeos dese ciclo que abriu o mesmo Ancelotti e pechou Zinedine Zidane.