Un disparo desde a frontal, un recurso máis

Yago Iglesias

DEPORTES

MARCELO DO POZO

15 nov 2021 . Actualizado á 18:52 h.

Creo que non hai demasiadas dúbidas. O mellor do España-Suecia nA Cartuxa foi o gol. Non só polo que supuxo, senón tamén por como foi: un tiro desde fóra da área, a solución necesaria para combater ese posicionamento en bloque baixo dos escandinavos. A España, que sempre se lle achaca o querer chegar co último pase a dentro da portería, pois aí está. Ao final, un disparo desde a frontal. Un recurso máis.

A noite deuse bastante ben para o que puido ser. Porque as dúas ocasións mais claras do primeiro tempo caeron ao lado sueco. Se chegan a meter, como se complicou a cousa... Creo que o rival foi valente, exercendo a presión alta e con ese bloque baixo para resgardarse. Xa na segunda parte, España estivo un pouquiño mellor, circulando con máis tino a pelota en campo rival e acertando cos cambios. Cando Dani Olmo caeu á banda, foi cando España atopou os seus mellores minutos.

Os suecos ían coa folla de ruta moi aprendida. Sabían que o seu plan de partido era chegar aos minutos finais con opcións de poder estar no encontro. Coa entrada de Ibrahimovic e demais reforzos apostaron por dar ese paso cara adiante.

Non creo que a suplencia do dianteiro do Milan fose sorprendente. Ibra non ten o perfil máis adecuado para esa formulación inicial de Andersson, tan defensivo e en campo propio buscando transitar. Non é un tipo para saír a correr. Si para os últimos minutos, cando a súa idea era buscar a área e centros laterais pisando campo de España.

DA Cartuxa, rescatar tamén a reivindicación de Morata, que meteu o gol e pareceu non querer celebralo ata asegurarse de que o colexiado confirmase a diana. Marcou e decidiu cando podía sucumbir ás dúbidas tras patear, na primeira ocasión que ten, o chan e non a pelota. Está ben que os dianteiros marquen, pois viven de sensacións.

Vendo o que foi este grupo, toca celebrar que a idea de xogo e o plan tivesen éxito. É unha selección moi mozo, cunha idea de xogo moi clara, e que de aquí ao Mundial pode crecer moito máis. Esta clasificación vai dar confianza.