A sub-19 dos galegos Coke Carrillo, Nico González e Gabri Veiga queda sen europeo

La Voz

DEPORTES

A UEFA decidiu cancelar tanto a competición masculina como a feminina polos problemas ocasionados polo covid

23 feb 2021 . Actualizado á 18:49 h.

O Comité Executivo da UEFA decidiu este martes cancelar os Campionatos de Europa feminino e masculino de fútbol de categoría sub-19, previstos en 2021, debido á pandemia da COVID-19 e aos seus efectos na organización das competicións. A través dun comunicado, o órgano reitor do fútbol europeo indicou que «o Comité Executivo da UEFA tomou nota de que, coas restricións gobernamentais actualmente en vigor, as viaxes dos equipos e a organización dos mini-torneos resultarían moi complicados», o que motivou a cancelación dos Europeos feminino e masculino de categoría sub-19 de 2021.

«Aínda que é unha pena que non poidan celebrarse competicións xuvenís na actual tempada, a saúde e a seguridade dos mozos deportistas deben ser prioritarias na actuais circunstancia», lamentou a UEFA. As federacións membro da UEFA foron consultadas e apoiaron esta decisión.

A noticia coñeceuna a selección sub-19 na súa concentración en Marbella para preparar un minitorneo, que era clasificatorio para o europeo, agora cancelado. Concretamente, os futbolistas adéstranse para afrontar en marzo tres partidos en Bélxica contra o equipo anfitrión, Illas Feroes e Finlandia. Na concentración están tres xogadores galegos: os azulgranas Coke Carrillo e Nico González e o celeste Gabriel Veiga.

Zagreb, como alternativa no fútbol sala

Pola súa banda, a situación epidemiolóxica en Bielorrusia e as actuais restricións para viaxar ao país levaron á UEFA para buscar «unha sede alternativa» para a fase final da liga de Campións de fútbol sala 2020/21, que finalmente acollerá Zagreb.

«Dado que a Federación Croata de Fútbol declarou a súa dispoñibilidade para facerse cargo da organización da fase final, o Comité Executivo da UEFA decidiu designar a Zagreb como sede do torneo, previsto inicialmente en Minsk do 28 de abril ao 3 de maio», explicou a UEFA.

Por outra banda, o seu comité executivo aprobou a introdución dunha proba de substitución por conmoción cerebral para o Campionato de Europa Sub-21 da UEFA 2019-21, cuxa fase final disputarase en Hungría e Eslovenia.

Cada equipo poderá utilizar unha «substitución por conmoción cerebral» por partido, independentemente do número de cambios xa realizados, de acordo co Protocolo A, tal e como indica a IFAB.

As substitucións por conmoción cerebral cóntanse á parte do número de oportunidades normais de substitución e é irrelevante se, no momento do cambio por conmoción cerebral, o equipo xa realizou todas as demais substitucións ou non.