Leo Messi, reencontro con Guardiola no Manchester City?

La Voz REDACCIÓN

DEPORTES

POOL

ESPN asegura que o club inglés estaría a considerar as opcións económicas para fichar ao arxentino se finalmente decide irse do Barça

25 ago 2020 . Actualizado á 13:56 h.

A continuidade de Lionel Messi no Barcelona está no aire tras as decepcións vividas polo club catalán na pasada tempada. O arxentino, nos pasados días, comunicou ao recentemente chegado Ronald Koeman as súas dúbidas sobre seguir no Barça, especialmente despois da eliminación do equipo da liga de Campións tras perder contra o Bayern de Múnic (2-8) en cuartos de final. 

ESPN asegura agora que o Manchester City estaría a considerar a viabilidade económica para afrontar a fichaxe do xogador sen incumprir as regras do xogo limpo financeiro no caso de que Messi finalmente decidise abandonar o Barcelona e o club accedese a negociar a súa saída por un prezo razoable. 

A pesar de que Josep María Bartomeu, presidente do equipo catalán, mantén que o arxentino é intransferible e que, para realizarse a fichaxe, o equipo interesado debería pagar os 700 millóns de euros da cláusula de rescisión, o mesmo medio asegurou nos últimos días que existe un debate interno na xunta directiva do club. Segundo ESPN, algúns membros da mesma estarían dispostos a deixar ir a Leo Messi se a oferta fose tan boa como para permitir que Koeman puidese reconstruír o persoal do equipo

Por iso, o club inglés estuda as posibilidades financeiras para pechar a fichaxe, aínda que o arxentino aínda non se pronunciou publicamente sobre as súas intencións para a próxima campaña.