Quique Setién vístese de branco no Camp Nou

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

DEPORTES

ALBERT GEA

O adestrador do Barça regalou máis de media liga fronte ao Atlético nun partido con tres goles de penalti e outro en propia meta

01 jul 2020 . Actualizado á 15:31 h.

O Barcelona regalou a liga o día que asinou a Quique Setién. Desde o primeiro momento no que se fixo cargo do equipo, ata o enfrontamento fronte ao Atlético de Madrid, o técnico foi de mal a peor. O Barça aburre, incluso máis que con Ernesto Valverde, e ante o conxunto branquivermello volveu naufragar. Setién bloqueouse no Camp Nou, perdeu a partida xa desde o inicio ante Simeone e vestiuse de branco.

Sorprendeu a aliñación blaugrana. Foi a primeira das sorpresas de Setién, que transformou o clásico 4-3-3 nun conservador 4-4-2. Simeone, ao contrario que o técnico local, xogouna cun debuxo máis ofensivo, de maior risco e valentía, con Carrasco en plan estrela, un pesadelo para a zaga azulgrana. O Barça, sen actitude, foi inferior a un bravo rival, moi seguro de si mesmo e con maiores virtudes futbolísticas. Nin sequera Messi puido salvar esta vez ao Barça, que é unha auténtica polvoreira dentro e fóra do campo.

Setién castigou outra vez a Griezmann, que entrou en xogo no minuto 90. Máis que un cambio, parece unha humillación. O rendemento do francés no seu primeiro ano no Barça deixa moito que desexar, pero non se entende que non saíse ao rescate do seu equipo moito antes, sobre todo cando no terreo de xogo estaba un apático Luis Suárez, lento, desacertado e sen apenas participar. Non cheira ben o vestiario catalán. Tamén sorprendeu Simeone deixando no banco a João Félix, pero os que entraron polo portugués estiveron á altura.

O partido empezou ben, con dous equipos dispostos a agradar. Adiantouse o Barça, con gol en propia meta de Costa. Tres minutos despois, unha grande arrancada de Carrasco, que sentou a Piqué e rompeu a cintura de Vidal, mostrou as debilidades locais. Costa errou o penalti, pero despois Saúl acertou con outra pena máxima. Messi puxo por diante ao Barça cun rigoroso penalti. Semedo devolveulle o favor ao Atlético e outra vez Saúl bateu ao meta local. Antes do 2-2, o Barça botouse atrás e a Setién, inmóbil no banco, soamente ocorréuselle dar entrada a Sergi Roberto para non dicir adeus definitivamente á liga. Foi un simple cambio de cromos.

O primeiro cambio serio, de carácter ofensivo, chegou no minuto 84 (Ansu Fati por Busquets). O segundo, xa de risa, no 90 (Griezmann por Arturo Vidal). Setién, sentado e case sen gesticulat en toda a segunda parte, mostrou claros signos de impotencia. O Barça queda moi grande. Demasiado. E sorte que en desconto perdoou Joao Félix o terceiro do Atlético. A traxedia puido ser aínda maior.

Noite triste para o gol 700 de Leo Messi

Messi levaba varias xornadas intentando marcar o gol 700 da súa carreira profesional. Ao final conseguiuno fronte ao Atlético de Madrid. Foi de penalti, pero o astro arxentino encargouse de debuxar unha preciosidade. Ao Panenka, enganando por completo ao meta rival, o 10 do Barcelona celebrou o tanto que tanto estaba a buscar.

Con todo, acadou este obxectivo nunha noite triste, nunha xornada na que o Barcelona case se despide da liga, nun partido para esquecer, no que o barcelonismo acabou preocupado. Messi respondeu, puxo ao seu equipo por diante no marcador, pero case só el ten orgullo para vestir esta camiseta.

Unha vez máis, atopouse só ante o perigo. Intentouno varias veces, sobre todo na primeira parte. Pero ao seu ao redor hai moi pouco onde elixir. E o pouco que aínda hai, Quique Setién encárgase de deixalo no banco.

FICHA TÉCNICA.

RESULTADO: FC BARCELONA, 2 - ATLÉTICO DE MADRID, 2 (1-1, ao descanso).

FC BARCELONA: Ter Stegen; Semedo, Piqué, Lenglet, Jordi Alba; Busquets (Ansu Fati, min.84), Vidal (Griezmann, min. 90), Rakitic (Sergi Roberto, min.63), Riqui Puig; Messi e Luis Suárez.

ATLÉTICO DE MADRID: Oblak; Arias, Giménez, Felipe, Lodi; Llorente (Joao Félix, min.69), Thomas, Saúl, Carrasco (Lemar, min.85); Correa (Vitolo, min.85) e Diego Costa (Morata, min.75).

GOLES:

1-0, min.11: Diego Costa, en propia porta.

1-1, min.19: Saúl, de penalti.

2-1, min.50: Messi, de penalti.

2-2, min.62: Saúl, de penalti.

ÁRBITRO: Hernández Hernández (C.As Palmas). Amoestou a Ter Stegen (min.17), a Piqué (min.18) e a Messi (min.61) por parte do FC Barcelona e a Saúl (min.35), a Felipe (min.51), a Diego Costa (min.75) e a Carrasco (min.79) por parte do Atlético.

ESTADIO: Camp Nou. Sen espectadores.