Nadal converte a España na primeira campioa da nova Copa Davis

DEPORTES

SERGIO PEREZ | REUTERS

O equipo de Sergi Bruguera derrota a Canadá e consegue o seu sexto título mundial masculino

25 novs 2019 . Actualizado ás 09:46 h.

A nova era da Copa Davis é de España. Rafa Nadal selou este domingo en Madrid o título para o conxunto anfitrión con outra demostración de talento. A súa vitoria sobre Denis Shapovalov por 6-3 e 7-6 (7) certificou a vitoria sobre Canadá na final por 2-0. O primeiro título do novo formato do mundial masculino por países, que se decide en apenas sete días nunha mesma sede, en total a sexta ensaladera para España. 

Nadal rubricou un partido moi serio. Non cedeu un só break en todo o partido. Serviu de xeito excepcional. Levou a iniciativa sempre que o seu rival llo permitiu. Apenas cometeu erros non forzados. Unha vitoria redonda ante un rival que nunca deixou de crer, golpeando con fiereza cos seus longos brazos ante un rival inabordable con Nadal. Sobre todo cando xoga a Copa Davis, on un rexistro de vitorias propio dun superdotado. Leva xa 18 eliminatorias seguidas gañadas, 29 partidos indivuales seguidos con vitoria e ata 32 en total se se inclúen os encontros de dobres. 

Arroupado polo público da Caixa Máxica, Nadal non tivo que agardar máis que ao sexto xogo para conseguir o seu primeiro break. Adiantouse así por 4-2 para acelerar ata o 6-3 definitivo. 

SUSANA BEIRA | REUTERS

Co primeiro set perdido, Shapovalov marchouse ao vestiario e regresou máis feito. Serviu algo mellor, despois dun primeiro set no que pagou a vulnerabilidade de xogar demasiados puntos con segundos servizos. E deixou de cometer erros non forzados. O canadense parecía acostumarse ao fortísimo ritmo de Nadal, aos seus efectos, aos seus cambios de dirección... 
Non conseguiu, en todo caso, romper o saque de Nadal, moi intelixente.

O premio para o canadense, número 15 do mundo aos seus 20 anos, foi manterse no partido ante o mellor xogador de Davis de todo o século XXI. Tivo bólas Shapovalov para romper o servizo do español na segunda manga. Non o conseguiu, pero polo menos chegou a forzar o tie-break. No desempate, outra das sortes que mellor definen a Nadal como competidor, o español demostrou a súa xerarquía. Levantou unha bóla de partido con 6-7 en contra para certificar pouco despois a vitoria. 

O triunfo de Nadal uniuse á vitoria previa de Roberto Bautista sobre Félix Auger-Aliassime por 7-6 (3) e 6-3, co que xa non foi necesario nin disputar o partido de dobres.