Simeone, no trono de ouro dos bancos mundiais

La Voz

DEPORTES

Kiko Huesca

O técnico do Atlético de Madrid é o mellor pagado esta tempada, con 41 millóns, por diante de José Mourinho, en paro a metade de curso tras o seu despedimento do Manchester United.

02 abr 2019 . Actualizado á 13:53 h.

Fronte aos que opinan que a do adestrador resulta unha figura menor en calquera grande equipo de fútbol, a lista de ingresos entre o sector publicada hoxe pola  a revista «France Football» nega a maior. E se non, que empecen por preguntarlle ao Atlético de Madrid. O seu técnico, o arxentino Diego Simeone, lidera o ránking de ingresos nos banquilllos galácticos do universo fútbol esta tempada, con 41 millóns de euros, dez máis que o portugués José Mourinho, despedido do Manchester United.

É a terceira vez que Mourinho non é o técnico con máis ingresos desde que a revista comezou a publicar a lista referida aos adestradores en 2004. Na primeira edición foi Alex Ferguson e cinco anos máis tarde Luiz Felipe Scolari os que a encabezaron.

Nesta ocasión, Simeone aproveita a renovación do seu contrato ata 2022, acompañada dun incremento salarial ata os 40 millóns, aos que suma a prima por gañar a liga Europa e un contrato de patrocinio.

Mourinho queda en 31 millóns, procedentes dos seis meses a cargo do United e da indemnización de despedimento, cifrada en 17 millóns de euros, aos que suma os seus contratos de patrocinio e os seus ingresos como comentarista desde que non ten banco.

O francés Thierry Henry sacou un enorme rendemento aos tres meses que pasou a cargo do Mónaco: 1,8 millóns de salario e 20,5 millóns de indemnización, aos que engade varios patrocinios para chegar aos 25,5 millóns.

O cuarto da lista é o técnico español do Manchester City, Pep Guardiola con 24 millóns de euros, un máis que o seu compatriota do Barcelona, Ernesto Valverde.

Séguenlle Arsène Wenger (20,5 millóns), o italiano do Guianghzou chinés, Fabio Cannavaro (15 millóns), o seu compatriota do Juventus de Turín, Massimiliano Allegri (13,5 millóns) e o tamén transalpino Marcello Lippi (13 millóns), a cargo da selección italiana ata xaneiro pasado.

Jurgen Klopp, técnico alemán do Liverpool, e o portugués Leonardo Jardim a cargo do Mónaco gañaron a mesma cantidade, algo máis que os italianos Carlo Ancelotti (12 millóns), adestrador do Nápoles, e Antonio Conte, exseleccionador de Italia e extécnico do Chelsea.

Na lista tamén aparece o técnico arxentino do Tottenham, Mauricio Pochettino, décimo cuarto con 10 millóns, e o francés do Real Madrid, Zinedine Zidane, que suma a parte alícuota do salario anual de 21 millóns máis os seus contratos de patrocinio, para totalizar 7,5 millóns. Medio millón menos se embolsa o español do Arsenal, Unai Emery.