A Pulga fóra do seu ecosistema

Manuel Mosquera

DEPORTES

16 jun 2018 . Actualizado ás 21:40 h.

Á vista de como foi a fase de clasificación de Arxentina para o Mundial de Rusia, non é tan sorprendente este debut gris ante unha selección de Islandia á que tamén hai que dar o seu mérito. Nada é casualidade.

Sampaoli, desde un punto de vista que ten a súa lóxica, tratou de crear no seu equipo un ecosistema parecido ao que ten Messi no Barça, no que todos xogan para a Pulga. Pero a excelencia que ten ao seu redor no conxunto azulgrana non é a mesma que o rodea na Albiceleste. Dito doutro xeito. No seu equipo, cando se vira pode apoiarse en Luis Suárez, en Iniesta, en Coutinho... Está rodeado de talento. Sampaoli, querendo copiar esa fórmula, esquece do talento. Os xogadores dos que dispón non son os do Barça. A paisaxe non é o mesmo. E empeza mal cando os gardacostas son Mascherano e Biglia. Sóbralle un. E non é doado entender que Dybala non teña xogado este partido. Moitos dirán que porque é zurdo, pequeno e parecido a Messi. Non estou de acordo. Se preto del houbese futbolistas de máis calidade, Islandia tería tido máis problemas. Estou convencido de que se Banega entrase desde o principio e apostase tamén por Dybala, o rival haberíase visto en máis dificultades porque tivese que tapar máis ocos e máis liñas de pase.

En todo caso, hai que recoñecerlle a Islandia que xogou un grandísimo partido e que o tiña moi estudado. Volvemos ao de antes. Messi estaba tan só que o acabaron encerrando na súa gaiola. Ao seu redor sempre tiña a tres futbolistas. En canto virábase aparecía Hallfredsson. E Bjarnasson pechábase ao seu lado.

Haberá que ver como evoluciona Arxentina despois deste debut, pero o que se viu no primeiro partido é unha continuación do que ofreceu nunha fase de clasificación na que lle custou moito selar o pasaporte.