Jupp Heynckes, novo adestrador do Bayern Múnic

La Voz

DEPORTES

CHRISTOF STACHE | AFP

O técnico alemán afirma que se trata de «un acto de amizade» pola relación que o une ao presidente do club

06 oct 2017 . Actualizado á 16:29 h.

O adestrador Jupp Heynckes confirmou hoxe que asumirá o Bayern Múnic ata final da tempada «como un acto de amizade», e por todo o que lle debe ao club, que foi unha das estacións máis importantes da súa carreira como adestrador. «Non se trata dun novo comezo, senón dun acto de amizade; e só o fago por todo deber ao club», dixo Heynckes, de 72 anos, en declaracións.

Heynckes cubrirá a vacante deixada polo destituído Carlo Ancelotti, sendo a súa cuarta etapa como adestrador do Bayern. «Teño boas sensacións de que as cousas poden funcionar ben de inmediato», dixo o adestrador. Heynckes pechou a súa última etapa no Bayern, entre o 2011 e o 2013, coa conquista do triplo de Bundesliga, Copa de Alemaña e Liga de Campións.

O central Jerome Boateng, un llos sobreviventes do equipo que gañou o triplo en 2013, non ocultou a súa alegría polo regreso de Heynckes. «Creo que non había unha mellor solución, trátase da decisión perfecta porque el coñece o club por dentro», apuntou Boateng.

Heynckes ten unha longa amizade co presidente do Bayern, Uli Hoeness, que xa o sacou unha vez da xubilación, no 2009, cando lle pediu que se encargase do equipo nas últimas cinco xornadas da Bundesliga tras a destitución de Jürgen Klinsmann. Heynckes, que xa dera por rematada a súa carreira, volveu coller gusto ao banco durante esas cinco xornadas e nas dúas seguintes tempadas dirixiu ao Bayer Leverkusen. Logo, no 2011, Heynckes regresou ao Bayern para suceder a Louis van Gaal.

Na súa primeira tempada nesa última etapa Heynckes quedou segundo na Bundesliga, por detrás do Borussia Dortmund de Jürgen Klopp co que perdeu tamén a final da Copa de Alemaña, e perdeu a final da liga de Campións ante o Chelsea. No entanto, o club ratificouno e na tempada seguinte o Bayern gañou o triplo. Segundo «Kicker» a presentación oficial de Heynckes realizarase o vindeiro luns.