O Arsenal gústase, o Leicester estréase e o United gana no 92

Dpa

DEPORTES

Andrew Boyers | REUTERS

O equipo de Mourinho gaña en cancha do Hull City no últmo suspiro con gol de Rashford

27 ago 2016 . Actualizado á 20:33 h.

O Leicester City celebrou este sábado a súa primeira vitoria da tempada ao vencer 2-1 ao Swansea na terceira xornada da Premier League. Tras sumar un empate e unha derrota nas súas dúas primeiras actuacións e caer na final da Community Shield ante o Manchester United, o campión da Premier tivo a súa primeira alegría da campaña nun encontro no que rematou sufrindo máis do que imaxinaba.

Jamie Vardy adiantou aos dirixidos por Claudio Ranieri aos 32 minutos e Wes Morgan ampliou aos 53. Riyad Mahrez tivo un penal para liquidar o cotexo tres minutos despois, pero fallou e deu vida ao Swansea, que descontou aos 81 por intermedio de Leroy Fer.

Con todo, o Leicester resistiu e celebrou un triunfo que lle permite acadar os catro puntos e colocarse na metade da táboa. «Foi unha decepción o primeiro partido da tempada (ante o Hull), pero a semana pasada xogamos ben e logramos un empate decente (ante o Arsenal). Queremos seguir mellorando», indicou o goleador Vardy.

Darren Staples | Reuters

A cargo da clasificación sitúase o Chelsea, que sumou o seu terceiro triunfo consecutivo ao bater 3-0 ao Burnley. Eden Hazard e Willian marcaron na primeira parte en Stamford Bridge e Victor Moses pechou o marcador no final para os de Antonio Conte. «Foi unha boa actuación, xogamos un bo fútbol», destacou Conte, que mantén a súa marcha perfecta desde a súa chegada ao conxunto blue. «Creamos moitas ocasións de gol e mantivemos o valo en cero. Isto axuda á confianza e mostra que o traballo duro está a render os seus froitos».

Empatado a puntos co Chelsea está o Manchester United, que o pasou mal para gañar en campo do Hull City. Un gol de Rashford no minuto 92 deulle o triunfo apurado ao conxunto de Mourinho, que tamén fai pleno de tres vitorias no arranque da Premier.

Le Smith | REUTERS

O Everton derrotou 1-0 ao Stoke City cun gol en propia porta do seteiro Shay Given tras un penalti lanzado por Leighton Baines. O disparo deu no poste e tras rebotar na cabeza do porteiro meteuse no arco. O Arsenal, pola súa banda, derrotou 3-1 como visitante ao Watford con goles na metade inicial de Santi Cazorla, de penalti, Alexis Sánchez e Mesut Özil e sumou a súa primeira vitoria do torneo.

«Tivemos un rendemento moi sólido e unha gran primeira etapa. Pero non estamos aínda ao máximo nivel físico e iso púidose ver na segunda parte», analizou Arsene Wenger, o técnico do Arsenal, onde xogará Lucas Pérez a partir de agora.

Southampton e Sunderland igualaron 1-1, mesmo marcador que no partido entre o Crystal Palace e o Bournemouth. Máis temperán, o Liverpool deixou escapar a posibilidade de lograr un bo triunfo en White Hart Line ao empatar tamén 1-1 ante o Tottenham.