O fútbol aos corenta e seis

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

DEPORTES

XOÁN A. SOLER

O extremo que despuntou no Compos a principios dos noventa segue xogando no seu Sigüeiro natal

09 dic 2015 . Actualizado á 08:19 h.

O 23 de xuño de 1991 o Compos asinou un histórico ascenso a Segunda División nun campo de Santa Isabel ateigado de público e cun céspede no que o balón se deslizaba rápido, a pesar de tratarse dun día seco, de moita calor. Foron moitas horas de rega as que precederon o encontro. Integraban o once inicial azul e branco Docobo, Juan, Modesto López, Tono, Cea, Salvador, Ochoa, Cortés, Víctor, Juanito e Moure.

Un 22 de xuño do 2002 o Compos asinaba outro ascenso a Segundo, ante un Barcelona B no que asomaban Víctor Valdés, Oleguer, Iniesta, Nano e Trahorras, entre outros. Integraban o once azul e branco Óliver, Pignol, Adriano, Chema, Pinillos, Pedro Aguado, Manuel, Álvaro, Cabarcos, Juanito e Maikel.

O Juanito que aparece nunha e outra formación é o mesmo. Na primeira, con 21 anos. Na segundo, con 32. Hoxe cumpre 46, e segue en activo, nas filas da súa Sigüeiro natal, no que está a completar a súa terceira tempada, en Primeira Autonómica. A pesar de que ten fixada a súa residencia en Narón, non lle custa coller o coche nin para os adestramentos nin para os partidos. E na competición mantén esa punta de velocidade que sempre distinguiu o seu fútbol.

Presentado onda Bebeto

Juanito, que empezou a xogar ao fútbol nos xuvenís do Sigüeiro, pasou despois polo Compostela. E tras aquel ascenso a Segundo asinou polo Deportivo, co que foi presentado en 1992 ao lado dun entón semidesconocido Bebeto. Betis, Mérida, Levante, Toledo, outra vez o Compos, Racing de Ferrol e Narón son os equipos nos que desenvolveu a súa carreira, ata volver recalar no Sigüeiro, de Primeira Autonómica.

Non hai máis secreto que tres claves para explicar tanta lonxevidade deportiva, segundo el mesmo comenta: «A sorte coas lesións, levar unha vida ordenada e ter ganas de seguir». Sen moito máis.

SANDRA ALONSO

Inicios

Cada etapa, e no seu caso son moitas, ten os seus recordos. Pero cando se lle pide que seleccione os que lle deixaron unha pegada máis entrañable, acode aos seus primeiros anos e aos que agora segue gozando a pé de campo: «Os meus primeiros anos no Sigüeiro e a primeira etapa no Compos... Eramos grupos de xente máis próxima, que estivemos xuntos bastante tempo. Era todo máis familiar. Igual que agora».

De feito, tocaralle pagar os petiscos no vestiario, pero non sabe se será este venres ou outro máis adiante porque «hai máis compañeiros que tamén cumpren anos estes días».

Esa vertente festiva leva a enlazar, de novo, con aquela primeira etapa no Compostela: «Nas pachangas dos sábados, en Lavacolla, xogabamos as tortillas que despois se tomaban no Periquillo. Os que perdían, pagaban. E o corpo técnico, como non xogaba, tiña que elixir un equipo antes. É un costume que implantou Fernando Santos e que axudaba a facer grupo. Como entregar o premio á maior torrija da semana».

Juanito, na actualidade

Hoxe cumpre os 46 e, como leva facendo desde hai dez anos, ao final de cada tempada verá se segue ou pon pé a terra: «Cando cheguei ao Narón, con 36, xa empecei a pensar ano a ano». Van dez, e aí segue, gozando. De feito, non lle pesan os quilómetros entre Narón e Sigüeiro senón os horarios: «Adestramos moi tarde, ás nove da noite».

A pouco que aguante na fenda, calquera día ver xogando contra os seus fillos. «O maior está no seu último ano cadete -comenta-. Xoga como medio centro. O pequeno, en idade infantil, é máis parecido a min. Son demasiado mozos aínda».