Víctor Valdés: «Non volvería ser porteiro»

La Voz

DEPORTES

O ex do Barcelona se sincera como nunca antes o fixo durante unha ampla entrevista na televisión colombiana

11 ago 2015 . Actualizado á 17:37 h.

O exportero do Barça, Víctor Valdés, se sinceró como nunca antes o fixo nunha entrevista concedida á cadea colombiana RCN. «Gustaríame volver nacer e darlle a volta ao que sucedeu», declarou o futbolista, e algo que asegura que cambiaría sería o xeito na que se gañou a vida «se volvese nacer non volvería ser porteiro».

A traxectoria da súa carreira deportiva foi o eixo de toda a charla co xornalista colombiano Marlon Becerra. «A miña historia co fútbol resúmese a que me fixeron crer que servía e por circunstancias da vida fun subindo ata ser profesional. Tiven a sorte de que confiaron en min. Pero non é un camiño doado e seguramente non me compensaron os anos que sufrín co que foi ben. Se che tivese que falar de fútbol, falaríache de miles de momentos de sufrimento», recoñece o gardameta.

Valdés sufriu unha lesión moi grave durante un partido contra o Celta, «é o único día que cambiaría da miña carreira», e conta como o destino lle cambiou a traxectoria, «a maldita xogada empezou co árbitro pitando penalti. Eu presiono como capitán porque lle digo que foi fóra da área. El consúltao co linier e pita libre directo. Esa falta cambiou a miña vida porque nela lesiónome. Se fose penalti seguramente non me tivese lesionado».

Pero a pesar de ser unha freada na súa traxectoria, Val´deas admite que durante a súa recuperación en Alemaña a súa vida «deu un xiro radical». «A lesión fíxome volver sentir o que era a vida non sendo futbolista. Os futbolistas vivimos unha vida irreal. Volvín á vida real, unha cura de humildade que me serviu agora que volvín como futbolista profesional. Eu veño de tres meses en Augsburgo, de comprar o meu billete de tranvía, de ir con muletas, de estar só. E iso non mo quitará ninguén. Volvín á vida real, a pagar un café, a tocar as moedas», sentenciou.

Sobre a súa saída do Barça, Valdés recoñece que non foi como a el gustáselle que fóra, pero non culpa a ninguén, «non foi a desexada por culpa do tratamento que tiña que seguir en Alemaña e por culpa do meu carácter, aparteime e funme. A xente seguramente agardaba moito máis da miña. Seguramente me recrimino certas actitudes da miña persoa», confesou.

«Non se sabía que pasaría, ou se me tivesen tido que cortar a perna»

Durante a infancia, Víctor Valdés tivo que pasar por un momento moi delicado que relata con total sinceridade: «Cando tiña 12 anos, xa estaba no Barça, empecei a sentir unha dor moi forte no aductor que logo me baixou á perna. Tras unha semana no hospital sen saber que tiña, descubriron unha bacteria que estaba a empezar a comerme o óso da tibia. Entrárame por unhas feridas no brazo. Foron momentos malos porque vin que a miña familia sufría, pero por ese anxo da garda que sempre velou por min, tras a intervención, a perna creceu á vez que a outra. Non se se sabía que iso pasaría, ou se me tivesen tido que cortar a perna. Por fortuna saín».

«Un pallaso no vestiario»

Pero tamén valora aos profesionais dos que se rodeou durante a súa carreira deportiva e o que máis valora neles é «a comunicación».«Tiven a sorte de estar con Pep Guardiola. Á parte dos ensinos el foi un catedrático. Adaptábase se tiña que dicirlle algo a un ou a outro. Iso é o máis difícil para un técnico, que saiba adaptar o seu orgullo e a súa mensaxe ao futbolista. Non é doado manexar o egos», afirma o seteiro.

OLI SCARFF | Afp

A imaxe que ofreceu para os medios Víctor Valdés é o dunha persoa seria e afastada, pero no vestiario, esa imaxe non era a mesma. «Eu sempre me levei ben con todos os xogadores dos vestiarios dos que formei parte. Sempre hai con quen levas mellor, pero eu son moi bromista. Gústame facer o pallaso. Eu son medio bufón, e sempre me fixen máis cos xogadores que aceptan as miñas bromas. Un exemplo é Xavi. Riuse comigo como ninguén. Vivimos momentos irrepetibles dentro e fóra do vestiario. E os que quedan, porque esa si que é unha amizade irrompible».

E entre eses momentos irrepetibles da súa carreira destaca a final da Champions en París. «Gardo un DVD moi especial, é un recompilatorio do evento máis especial da miña carreira, a final de Champions de París. Esa é a noite da miña carreira, porque por como foi a partir de aí a miña carreira foi cara arriba», e engade: «Repito, repito e repito a imaxe da celebración coa xente de Barcelona, levantando a Copa de Europa, foi moi especial», confesou.

A súa carreira fóra dos terreos de xogos

Ao porteiro do Manchester United (aínda que agora pelexado con Van Gaal) non lle custa nada admitir que «non lle gusta a fama», tampouco facelo da súa vida unha vez que se retire «cando se apague a luz eu estarei cos meus fillos, ensinándolles o que pode chegar a ser que se che acenda a luz. Só agardo que sexa difícil atoparme cando se apague esa luz», apunta, e espera que a súa carreira estea enfocada aos máis pequenos. «Chegueime a emocionar coas mensaxes de Twitter e Facebook que me mandaron nenos, de porteiro a porteiro. Pensan que non os miro, pero léoos todos. O rapaz que che escribe terá 10 anos e eu 33, pero somos iguais, somos porteiros. E ese é o meu camiño, estar con eles, cos nenos. Porque eles si son honestos e non me van a mentir».