
O bo traballo defensivo, os paus e Edu mantiveron as esperanzas locais ata o final
14 sep 2014 . Actualizado á 12:35 h.O conxunto masculino do Burela-Pescados Rubén estreou a súa terceira tempada na elite completando un gran partido ante o vixente campión, un Inter Movistar que sufriu de xeito abondo para levarse os tres puntos de Vista Alegre ante un rival que o deixou todo sobre o parqué.
Os madrileños dominaron durante moitas fases e chegaron en máis ocasións que os de Juanlu ao marco contrario, pero atopáronse co gran traballo defensivo local. E cando isto non chegaba aparecía un inconmensurable Edu ou os paus, contra os que se estrelaron ata en catro oportunidades os interistas.
Os visitantes acurralaron no inicio aos laranxas. Rafael topábase co poste no minuto 5 e Matamoros despexaba o perigo. Despois era Edu o que lle facía unha gran parada a Rivillos, que recibía só no segundo pau tras unha gran diagonal de Borja.
A primeira ocasión para os laranxas chegou nunha contra no ecuador do primeiro período. Conduciu Iago Míguez, que cedeu para que Matamoros rematase e Jesús Herrero sacase unha gran man e enviase o coiro a córner.
O Inter volveu intensificar o seu dominio tras esta acción e Edu de novo realizaba unha parada maxistral a remate de Ricardinho. O luso enviaría ao pau o segundo tiro dos visitantes posteriormente. A catro minutos para o descanso, os mariñáns reclamaron penalti sobre Matamoros.
Cando parecía que o encontro se ía a ir ao descanso con empate, Ricardinho subía o tanto que ao cabo decantaría a balanza. O portugués conectaba un disparo afastado que se coaba por baixo das pernas do seu defensor e sorprendía a Edu.
Sabedores de que só o feito de encaixar poucos goles outorgáballes algunha opción de puntuar, os burelistas seguiron mostrándose moi solidarios no esforzo no segundo tempo e incluso gozaron dalgunha ocasión moi clara para lograr o empate.
Baixou en intensidade o duelo ao comezo, pero reavivouse superado o ecuador do período, xusto despois de que Matamoros sacase un remate de Ricardinho de debaixo dos paus. Jorge Bellvert puido igualar no 33, pero evitábao unha gran parada de Jesús Herrero. Ao pouco, os alcalaínos atopábanse por terceira ocasión cos postes e despois era o Burela o que desaproveitaba a súa mellor ocasión. Unha gran combinación entre Carlitos e Jorge Bellvert non era aproveitada por Isi, só no segundo pau. Herrero chapaba sen apuros o frouxo remate do cordobés.
Edu, ante Rafael e Rivillos, e outro pau mantiveron as esperanzas locais ata o final, pero a pesar de que probaron con porteiro-xogador nos últimos 40 segundos, o empate non chegaría.
Burela-Pescados Rubén: Edu; Isi, Iago Míguez, Antoñito, Matamoros -quinteto inicial-, Jorge Bellvert, Miguel, Hélder e Carlitos.
Inter Movistar: Jesús Herrero; Ortiz, Rafael, Rubén Orzáez, Ricardinho -quinteto inicial-, Rivillos, Lolo, Borja, David Pazos e Pola.
Gol: 0-1, min 20: Ricardinho.
Árbitros: Cid Bragado e Martínez Torres (Galicia). Amoestaron aos locais Isi, Matamoros e Jorge Bellvert, así como ao visitante Rafael.
Incidencias: Algo máis de 700 espectadores déronse cita no pavillón de Vista Alegre. Xornada inaugural da Primeira División.