Fernando Vázquez: «O partido de Culio de mañá lémbrame ao de Bruno Gama nAs Palmas»

Pedro José Barreiros Pereira
Pedro Barreiros A CORUÑA

DEPORTES

O adestrador ve o seu xogador nun situación similar á do portugués, que deixou o equipo tras a primeira xornada de Liga

05 ene 2014 . Actualizado á 00:51 h.

Fernando Vázquez non pode evitalo. Desexaría seguir contando con Culio, pero, sen dicilo directamente, ve o mediapunta máis fose que dentro do Dépor. Tan é así, que tras o adestramento desta mañá chegou a comparar a situación do arxentino coa que o portugués Bruno Gama pasou na primeira xornada de Liga, cando liderou a vitoria do seu equipo nAs Palmas e nada máis aterrar foi traspasado. «Culio vai xogar de inicio. Só cambiariamos de idea se vemos algo raro ou noto que non o ten claro. A situación cambiou para el, pero como sucedeu con Bruno Gama nAs Palmas. E alí Bruno fixo un partidazo, pois agora Culio o mesmo. Lémbrame a aquela situación. A ver se sae igual», sinalou.

O técnico coruñés insistiu en que quere seguir contando con Culio, ata o punto que revelou que as variacións tácticas do equipo están montadas «pensando en Culio, pero tamén en pretemporada», engadiu, «estaban Aythami ou Zé Castro e o equipo seguiu adiante. Non se vai a acabar o mundo nin o Deportivo por que se vaia Culio. Imos seguir sendo un equipo competitivo», subliñou.

En calquera caso, explicou que o futbolista ten a decisión tomada. «Culio quere irse porque a oferta que ten é mareante. Ao final, é o seu futuro e o da súa familia», lembrou.

Antes de partir cara a Xaén Fernando Vázquez tamén se referiu á falta de pagamentos que sofren o persoal, o corpo técnico e os traballadores do Deportivo nos últimos meses como «algo transitorio» e, de cara ao choque de mañá as seis e cuarto en Xaén, chamou aos seus futbolistas a non pensar en desquites (en alusión á eliminación copeira a mans do cadro andaluz) e insistiu en que se trata dun partido distinto. «Todos sabían que a Copa non era o noso torneo. Agora volve a liga, imos líderes e xogámonos moito», engadiu.