O podio que lle falta a Red Bull

mariluz ferreiro REDACCIÓN / LA VOZ

DEPORTES

O equipo de Vettel intentará derrubar a súa última fronteira no Gilles Villeneuve

10 jun 2011 . Actualizado á 06:00 h.

Xa non lle quedan moitos territorios por conquistar a Red Bull. Pero Canadá é un deles. É o único lugar no que a escuadra enerxética non tocou podio desde que iniciou a súa particular época dourada. Aínda non logrou materializar a súa superioridade no Gilles Villeneuve, un trazado belo e xeneroso nos adiantamentos que adoita ofrecer un bo espectáculo, moi por amais das monótonas carreiras que deparan outros circuítos máis modernos e tamén máis soporíferos.

A cita canadense (domingo, 19.00 horas, La Sexta) chega cando o gran circo aínda sofre a resaca de Mónaco, un gran premio frustrante para os rivais de Red Bull. Vettel, arroupado pola fortuna, gañou en territorio hostil. Cando parecía que a vitoria se ía a dirimir entre Jenson Button ou Fernando Alonso, un choque múltiple conxelou a carreira a favor do campión. O asturiano asegura que aquilo non foi unha miraxe e cre que hai tempo dabondo para remontar. Ferrari realizará en Montreal novos cambios para non perder definitivamente o ronsel de Red Bull. Ademais, Pirelli desprazou a Canadá os compostos brandos e súpers brandos, que xa se usaron en Mónaco e cos que Alonso logrou un bo rendemento do seu monopraza.

A priori, as características do Gilles Villeneuve non son as preferidas por Red Bull. Con respecto a outros trazados, a aerodinámica perde peso en favor doutras variables como a estabilidade do monopraza nas freadas fortes e a tracción.

Teoricamente, o escenario abre claros para Ferrari e, sobre todo, para McLaren. Evidénciano os resultados. No 2010 o equipo de Woking asinou un dobrete e Alonso acompañounos no podio. Lewis Hamilton logrou dúas vitorias nun circuíto urbano que esixe pericia e concentración para non esquecer que é doado deixarse un pedazo de gloria contra as barreiras de protección.

Volve Sergio Pérez

Sergio Pérez (Sauber) volverá competir no Canadá despois do accidente que sufriu na cualificación de Mónaco, que lle impediu disputar aquel gran premio. O mexicano estivo dous días ingresado nun hospital, pero está listo para esta proba.

As previsións meteorolóxicas anuncian que existe un 60?% de posibilidades de que chova durante a carreira e sitúa nun 50?% as probabilidades de que a cualificación de mañá sexa pasada por auga. Os chuvascos multiplicarían o suspense nunha proba fecunda en imprevistos. En 1991, Nigel Mansell saudaba ao público na última volta. Pero calóuselle o motor e regalou o triunfo a Nelson Piquet. Un final totalmente imprevisto. Quizais este circuíto tamén cambie, polo menos por un momento, o guion deste Mundial.