Experiencias

CULTURA

26 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende os meus comezos no mundo da gaita, sempre tiven unha forte vinculación con grupos e colectivos de baile tradicional da Coruña. O primeiro deles foi, quizais, o grupo parroquial da igrexa de Santa Margarida. Todos os anos, coincidindo coa popular romaría na Coruña, facían unha demostración de baile que co tempo se converteu nun evento popular. Toquei para eles durante varios anos e gárdoo na lembranza como unha bonita experiencia.

Anos despois, fixen o mesmo para o grupo parroquial de San Pedro de Mezonzo. A raíz destas colaboracións, chamáronme do grupo Lembranzas da Tabacalera, onde participei de xeito fugaz. Aínda que breve, foi unha oportunidade para ver o funcionamento dun colectivo destas características dende outro enfoque, o que me serviu de aprendizaxe e enriquecemento. Eran tempos complicados para esta música, cunha escaseza de medios importante. Había que aproveitar calquera oportunidade.

Máis tarde, tras unha escisión interna, chamáronme de «Xacarandaina» para coordinar un grupo de gaitas. Aquí xa falamos dun colectivo maior e consolidado, cun xeito de traballar que marcaba unha clara distancia cos anteriores. Foron moitos os concertos nos que participei con eles, observando o seu traballo e os seus bailes, e de novo supuxo unha etapa de gran aprendizaxe e avance.

Logo de case catro anos en Xacarandaina, ofrecéronme un posto profesional no Ballet Galego Rei de Viana. Por fin vin a posibilidade de cumprir un soño: vivir da música. Alí estiven varios anos tocando e viaxando, adquirindo novas e moi interesantes experiencias. Eran bailaríns cunha excelente formación que mesturaban danza clásica e tradicional, un traballo metódico e teimudo que non deixaba a ninguén indiferente.

Todo isto combinábao coa miña actividade en Luar Na Lubre que era a miña verdadeira paixón mais outras relacionadas, como a de facer gravacións de campo e recompilación de fotos antigas vinculadas á música tradicional. Foron todas elas experiencias interesantes que vivín con intensidade e entusiasmo, das que gardo un bo recordo, das que sempre se aprende algo e que serven para encarar o presente e mailo futuro coas ideas un pouco mellor asentadas.