Carabelas portuguesas

CULTURA

Carabelas portuguesas, fotografadas nunha praia da Costa da Morte.
Carabelas portuguesas, fotografadas nunha praia da Costa da Morte. Basilio Bello

22 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Como afeccionado á pesca deportiva e teimoso paseante da ribeira, téñome atopado en moitas ocasións con medusas. Estes animais invertebrados de corpo xelatinoso, que poden chegar a ser ben fermosos, non son precisamente aconsellables para ter un contacto físico, podería resultar incómodo. Existen diferentes tipos de medusas que se achegan frecuentemente polas nosas costas, mais as alarmas sempre saltan cando se trata de carabelas portuguesas (Physalia physalis).

É certo que son máis habituais en augas cálidas e noutros océanos, como o Índico e o Pacífico, pero poden chegar ata Galicia a través da atlántica corrente do Golfo; tamén debido ao cambio climático, á deterioración das augas ou á falta de depredadores. Estes animais de aspecto ben vistoso e cores rechamantes, en realidade, non son medusas, aínda que a maior parte da xente as confunda polo seu aspecto. Trátase dun conxunto de pólipos con diferentes funcións, como a reprodutiva, a defensiva, a dixestiva e outras que se asocian basicamente por supervivencia.

O contacto con elas pode chegar a ser realmente molesto e require tratamento así como o seguimento dunha serie de pautas coas que o contratempo normalmente non vai a máis.

Chámaselles carabelas portuguesas pola semellanza con estas embarcacións de orixe galaico-portuguesa creadas no século XV e empregadas para as navegacións oceánicas. Cristóbal Colón chegou a América con dúas carabelas e unha nao. A verdade é que nos últimos anos, e sobre todo no verán, son noticia porque cada vez é máis frecuente a súa chegada ás nosas costas ateigadas de bañistas cos que sempre hai algún caso de contacto.

Como dicía ao comezo do artigo, téñoas visto dende hai moitos anos, pero é unha realidade que a súa presenza no litoral foi aumentando. Ao principio topábame con algunha sen saber moi ben de que se trataba: téñoas fotografado e nunca se me pasou pola cabeza tocalas, por sorte para min. Despois, xa fun sabendo o que eran e descubrindo o que significaba a súa presenza. Ao noso redor, todo son sinais e advertencias, o malo é que non sempre sabemos interpretalos a tempo.