
A campaña institucional da Xunta contra o lume (Galicia, quérote verde) incide, certo é, nun topicazo, manido ata a saciedade, pero é certo tamén que tras todo tópico hai algo (ou moito) de verdade. Tópicos. Xa saben o do catalán: «Déame un selo de peseta, pero sáquelle o prezo que é para regalo». O verde do país seduciu o vate, que, noutro alarde de orixinalidade, vía o país do teu verdor cinguido, ademais de preguntarse, sen resposta, «que din os rumorosos na costa [e dálle] verdecente». O poeta, natural de Ponteceso, e eu, que levo máis de trinta anos casado coa Costa da Morte, sabemos o que é o rumor dos piñeiros batidos polo nordés, un vento intenso que, segundo a latitude e orientación, ten un nome a cal máis fermoso: levante, siroco, cierzo, tramontana, mistral… (agora chámanlle aire frío en altura, xa se sabe que son malos tempos para a lírica), ese vento a quen Manolo García pide: «Vuélvenos locos de atar», e que, de feito, contribuíu non pouco a tolear o infeliz de Pascual Duarte.
O característico dos tópicos é que poden non ser compartidos porque asentan nun embigo ollado con franco exceso. En certa ocasión, por ir de pavero, rematei unha carta profesional dirixida a un editor escocés cunha fórmula que dei por feito ía entender: «Greetings from the green corner». Coqueteando coa idea de que, como gaélico, ía pillar de calle a conexión céltica entre os nosos países, non tiven en conta a posibilidade de que o tipo non tivera n. p. i. do que era Galicia. Cun ton máis ben glacial, remataba a súa resposta solicitándome que, nalgunha outra comunicación de carácter máis persoal, tivera a ben explicarlle a que me refería co do recanto verde.
Para alén de tópicos, en Galicia non temos, creo, unha cultura da paisaxe. Sinto mágoa de que, acaso coa excepción de Llorens, Sotomayor e pouco máis, non haxa na nosa pintura un Constable ou un Friedrich capaz de reflectir no óleo a alma da paisaxe, non a paisaxe simplemente, senón toda a carga anímica e a potencia das emocións que suscita a contemplación do sublime panorama da natureza. Talvez a invasión de eucaliptos e o tumor do feísmo xogan na nosa contra. Se don Eduardo erguera a cabeza!