César Lorenzo, María Xosé Porteiro e Galaxia, entre os galardoados nos premios Insua dos Poetas 2025

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

María Xosé Porteiro, nunha imaxe recente, é unha das persoas premiadas.
María Xosé Porteiro, nunha imaxe recente, é unha das persoas premiadas. Paco Rodríguez

A cerimonia de entrega dos galardóns celebrarse o sábado 19 de xullo na Esgueva de Madarnás, no Carballiño, nunha edición da Festa da Palabra dedicada a honrar a figura de Castelao

14 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O sábado 19 de xullo entregaranse os premios Insua dos Poetas, na Esgueva de Madarnás, no Carballiño, nunha edición da Festa da Palabra (a número 17) que está dedicada a honrar a figura de Castelao, homenaxe na que se descubrirá a peza escultórica A porta de Castelao, obra debida ao artista ourensán Antón Pulido. O encontro —comezará ás 11.30 horas— acollerá a cerimonia de entrega dos galardóns nas súas diversas categorías, fallados onte.

Na literaria, será para o escritor César Lorenzo Gil, tamén coñecido como César Cequeliños, que, ademais de novelista e editor do selo Aira, desenvolve o seu labor crítico a través do blog Os biosbardos.

No apartado que recoñece o emprego da lingua galega nos medios, María Xosé Porteiro será a distinguida como xornalista, política e escritora (novelista e ensaísta) cunha dilatada traxectoria a prol da lingua na comunicación.

En canto á defensa e impulso da cultura, o xurado outorga este galardón á Editorial Galaxia, precisamente cando cumpre 75 anos de ininterrompido labor a favor da identidade do país.

Na categoría de colectivo destacado por un esforzo de galeguización, premia a Irmandade Sanitaria Galega, unha agrupación profesional que traballa polo fortalecemento do galeguismo e do humanismo e pola dignificación da lingua propia nas relacións cos pacientes.

No apartado de defensa do medio ambiente, o galardoado é o CEIP Plurilingüe Curros Enríquez de Celanova en atención á súa tarefa didáctica a prol da concienciación ecolóxica coa participación en programas de educación como o que promoven Voz Natura e a Fundación Santiago Rey Fernádez-Latorre.

No ámbito audiovisual, o premio enxalza o traballo do Cine Club Padre Feijóo de Ourense, fundado en 1970, pola súa difusión da produción cinematográfica.

En lingua e cultura galega na emigración, o galardoado é Ramón Aguiño López; nado en 1944 no Grove, marchou á Arxentina, onde participou en todas as iniciativas culturais promovidas polos colectivos de emigrantes galegos.