
Don Manuel María Puga y Parga foi un home incriblemente polifacético. Nacido en Compostela no ano 1874, este escritor, político e gastrónomo residiu dende ben noviño na Coruña, da que chegou a ser alcalde. Despois do falecemento do seu pai no ano 1899 herdou o pazo de Anzobre, no concello de Arteixo, dende onde exerceu un gran protagonismo político, social e cultural que abranguía toda a comarca coruñesa. Un personaxe sobranceiro do que se garda un gran recordo e do que hai moito dito e escrito. O asunto é que eu vivo a carón deste histórico e fermoso pazo no que don Manuel María Puga y Parga, alcumado Picadillo, entre moitas outras cousas escribiu o seu peculiar e interesante La cocina práctica, prologado pola súa benquerida amiga dona Emilia Pardo Bazán. Un tratado de cociña sui generis que non deixa a ninguén indiferente e que eu recomendo, quizais máis para gozar da súa narrativa e botar unhas risas coas súa retranca que propiamente para aprender a cociñar. Aínda que o libro abarca a gastronomía xeral, e a galega en particular, moitas das súas receitas son da cociña tradicional da zona, tratadas cunha importante dose de humor. Un exemplo é a receita de lacón con grelos, así indicada: «Ás 9 en punto da mañá, despois de ben lavado, debe de se poñer a cocer o lacón en bastante cantidade de auga. Ás 11 agréganselle os grelos e os chourizos. Ás 12, as patacas mondadas e enteiras, e ás 13 colócanse os chourizos e o lacón nunha fonte, as patacas e os grelos noutra, e todo sobre a mesa, que debe estar previamente arrodeada de cidadáns con apetito e ben provista de botellas de viño do Ribeiro». E engade: «O labrego galego nos Carnavais xanta lacón para esquecer os seus males, e en bailes e foliadas dixíreo despois a labazadas». É por iso que os lacóns xamais producen indixestións. Estando a poucos metros de onde viviu este home, hai veces que me lembro del porque a pegada que deixou é indubidábel. Ata non hai moito aínda podía ver dende a miña fiestra un maxestoso paseo real de pradairos que daban sombra á xente que ía cara o pazo e que tristemente foron cortados hai un anos e substituídos por beirarrúas consideradas de maior confort para os paseantes actuais. Tempos sobre tempos.