A Real Academia salda unha débeda co feminismo e co xornalismo: Begoña Caamaño, Letras Galegas 2026

C. Devesa A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

letras
Emilio Relova

Narradora, xornalista e activista, a autora viguesa reivindicou a palabra colectiva, os mitos revisados e a verdade como forma de acción

20 jun 2025 . Actualizado á 21:46 h.

A xornalista e autora Begoña Caamaño (Vigo,1964 - Santiago de Compostela,2014) será a protagonista das próximas Letras Galegas. Así o anunciou este venres a Real Academia Galega (RAG) nunha rolda de prensa no pazo de María Pita, en A Coruña, onde a institución ten unha das súas sedes mentres se reforma o seu edificio na cidade.

O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, subliñou que as Letras do 2026 serán «unha oportunidade para coñecer a unha figura tan inspiradora como é a de Caamaño». Ademais, sinalou que tamén serve para poñer o foco nos xornalistas «nun momento histórico oportuno para isto». Sobre  a súa obra, indicou que aborda a mitoloxía clásica e artúrica. En canto a súa traxectoria profesional, apuntou que se centrou «na defensa dunha profesión xornalista e crítica». 

A Real Academia Galega deu acoñecer este venres en María Pita que Begoña Caamaño será a protagonista das Letras Galegas 2026
A Real Academia Galega deu acoñecer este venres en María Pita que Begoña Caamaño será a protagonista dás Letras Galegas 2026 C. D.

Ana Romaní, portavoz do grupo académico que presentou esta proposta, sinalou que con Caamaño «imos ter unha figura nas Letras que nos vai permitir achegarnos á ficción e ao xornalismo. Como escritora concibe a literatura e o xornalismo con instrumentos de acción e reflexión». Tamén sinalou a que a súa «é unha obra para a ética, para o pensamento crítico. Cultiva o noso idioma con esmero e é consciente da necesidade de revisar a memoria literaria e fai unha literatura en clave contemporánea».

Romaní sinalou que Caamaño publicou a súa primeira novela aos 45 anos, «iso xa é significativo». Ademais, puxo o foco en que foi xornalista en medios públicos galegos . «Para ela o xornalismo, tanto o dos medios públicos coma os dos privados, ten vocación de servizo público». Por iso, engadiou, «as Letras do 2026 vannos permitir falar dese xornalismo e da urxencia de recuperar e reconstruirlo como servizo público. Agardamos que a celebración sirva para reflexionar e poñer o foco sobre isto», finalizou.

Pola súa parte, Margarita Ledo quiso poñer no foco no rol feminista de Caamaño, da que lembrou que xa na Facultade das Ciencias da Comunicación hai trinta anos formaba parte do grupo Mulleres Galegas na Comunicación «cunha aposta pola ollada sobre a violencia de xénero». Así, xa no ano 1998 firmou un manifesto contra esta lacra. «Os medios son construtores dunha sociedade e non poden ser manipulados nin borrados, como está acontecendo nalgunhas ocasións, engadiu a académica, que tamén apuntou de Caamaño que «é unha autora que entende a lingua galega como aquelo que nos define». 

Marilar Aleixandre tamén fixo referencia a súa obra, da que dixo, «dialoga con nós sobre hoxe». Aleixandre definiu a Caamaño como «escritora, xornalista e activista, tanto da lingua como do papel xornalístico dos medios públicos e do feminismo».

Pola súa banda, María López Sández indicou que «dende o ámbito literario trátase dunha figura moi singular que afástase de como se concibe hoxe que debe ser unha carreira literaria». Así, comentou que Caamaño serve para poñer en valor ás obras, «que non se miden pola cantidade, senón pola súa calidade».

Unha proposta aprobada na primeira votación por maioría absoluta

A proposta de Begoña Caamaño discutiuse este venres canda as de Antón Tovar, Enrique Labarta Pose e Miguel González Garcés, quen quedou en segundo lugar. A elección de Caamaño saíu aprobada na primeira rolda de votacións por maioría absoluta. Con ela, a RAG volve a poñer no foco unha voz feminina, tras un ano adicado  ás cantareiras. Neste caso, trátase dunha autora en singular, pero que escolleu proxectarse no colectivo da palabra literaria e da voz xornalística.

«Literatura e xornalismo son na autora instrumentos para o coñecemento, outra forma de reflexión e acción, desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a complicidade da maxia e dos soños», reza o texto da candidatura aprobada e comunicada este xoves pola RAG. «A figura de Begoña Caamaño dialoga hoxe cunha parte moi activa da profesión xornalística e literaria, traslada outra experiencia de ambas as dúas. Cómplice dese tecido de voces que é a literatura, coma colchas tecidas con retallos, voz coral na que se recoñece, entrégase á narrativa sen desoír a interrogación da xornalista e a esixencia da lectora», prosegue.

letras
XOAN CARLOS GIL

Begoña Caamaño debutou na madurez como narradora, aos 45 anos de idade, con Circe ou o pracer do azul (2009). A este título seguiulle Morgana en Esmelle (2012), cuxa publicación cadrou co diagnóstico do cancro que acabou dous anos despois coa súa vida, cando acababa de facer os 50 anos.

Como xornalista, tras os comezos en Radio Noroeste e Radio Popular, exerceu a partir de 1989 na Radio Galega.