Antón Tovar e Begoña Caamaño, favoritos para a homenaxe do Día das Letras 2026
CULTURA

O xornalista e escritor Enrique Labarta Pose e o poeta Miguel González Garcés completan as catro candidaturas entre as que a RAG elixirá a figura honrada o próximo 17 de maio
12 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.
As candidaturas do poeta ourensán Antón Tovar e da xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño érguense como favoritas de cara ao pleno do próximo venres 20 de xuño no que a Real Academia Galega (RAG) elixirá a figura para ser homenaxeada no Día das Letras 2026, segundo fontes consultadas próximas ao proceso de selección. Aínda viaxan polo aire os afoutos ecos das pandeireteiras e as cantareiras que desta volta protagonizan a gran festa da cultura, dedicada a honrar o tesouro da poesía popular —e o que queda de foliada, felizmente, por bailar e rexoubar—, e xa toca ir poñendo os alicerces da celebración do vindeiro ano.
Nese mesmo aire —vibrante de electricidade e músicas, de lembrar as avoas e aplaudir as xentes mozas creadoras— flotaba a figura titánica e indiscutible de Xosé Neira Vilas, que parecía destinada a renovar ese rexo vínculo do pobo co 17 de maio. Todos [os que votan e os que non] semellaban parellos en entusiasmo, ata que alguén revisou polo miúdo os estatutos da RAG e deu cun absurdo, pero crucial detalle: na norma estaba que para poder lucir eses loureiros sobre a fronte tiña que pasar un decenio do falecemento do autor agarimado, pero non no 1 de xaneiro de comezar o ano dedicado, senón na data en que o plenario lle dá o seus definitivos parabéns. Foi así como os académicos souberon que Neira Vilas tería que agardar, porque non se cumprirán tales requisitos ata o próximo 27 de novembro, día do 2015 no que finou.

Este mércores concluía o prazo para presentar candidaturas ao Día das Letras do 2026. Pouco antes de pecharse o rexistro da Academia, obraban na casa da lingua catro propostas, dúas delas chegadas de fóra da institución. Son as do xornalista e escritor Enrique Labarta Pose (Baio, Zas, 1863-Barcelona, 1925), promovida por un amplo colectivo organizado —e non disposto a claudicar— na súa terra, e a do poeta Miguel González Garcés (A Coruña, 1916-1989), na que os fillos e a familia do escritor puxeron moito esmero. Para poder concorrer, en todo caso, tiñan que vir avaladas por tres académicos: Manuel González, María Dolores Sánchez Palomino e Xesús Ferro Ruibal asinan a de Labarta Pose; e Manuel Rivas, Euloxio Ruibal e Antón Santamarina apoian a de González Garcés.
Porén, segundo fontes consultadas próximas ao proceso de designación, todo indica que o 2026 será a quenda de Antón Tovar (A Pereira, Rairiz de Veiga, Ourense, 1921-Ourense, 2004) ou Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Compostela, 2014), favoritos en case todas as quinielas internas.
Xesús Alonso Montero
A proposta de Antón Tovar, como noutras ocasións en que concorreu anteriormente, está liderada por Xesús Alonso Montero, ao que acompañan Ramón Lorenzo Vázquez e Andrés Torres Queiruga. A candidatura de Begoña Caamaño ten un sustento marcadamente feminino e feminista. O documento aparece asinado, polo menos, por Margarita Ledo, Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Chus Pato.
Na mañá deste mesmo xoves sairá da secretaría da RAG a convocatoria do pleno —cuxa celebración está fixada para o 20 de xuño— na que todos os académicos citados recibirán a documentación que sustenta as catro propostas.
Entre a poesía culta e intimista e o xornalismo comprometido
Fontes consultadas non se atrevían este mércores a sinalar a Antón Tovar ou a Begoña Caamaño na vitoria final. Son 28 os académicos que poden participar no plenario do próximo venres 20 de xuño que elixirá a figura homenaxeada para as Letras, o primeiro, por certo, que presidirá Henrique Monteagudo, recentemente designado para conducir a RAG. En sucesivas quendas de votación —os membros do pleno poderán recorrer ao correo, recurso non presencial que permite participar nas dúas primeiras voltas— irán quedando fóra propostas, ata que reste unha soa, a gañadora. Esas mesmas fontes lembraban que en Tovar e Caamaño están representadas, respectivamente, a poesía culta e intimista [do ourensán], que daría natural alternancia á oralidade das cantareiras, e o xornalismo [da viguesa] actual e comprometido co emprego do galego (tamén a radio) e a igualdade de xénero. Son dúas opcións ben distintas, pero de poderoso discurso. Tovar estivo sobre a mesa en dúas ocasións anteriores. Caamaño vén de estrea. Todo dependerá, anotan, da capacidade dos propoñentes para seducir no pleno aos académicos que apoian as candidaturas que vaian decaendo. O venres 20 saberase.