
«Assim nasceu uma lingua», que foi traducido ao galego por Galaxia, a cúspide da súa obra
30 may 2025 . Actualizado á 18:52 h.Assim Nasceu uma Língua (2019) converteuse en clásico nada máis imprimirse. Exhaustivo, intelixente, divertido, instrutivo, polémico, erudito, irónico... Poucas veces, un ensaio pode definir tan ben o seu autor. Fernando Venâncio é unha das voces de referencia da lingüística e mais da cultura portuguesa, e este venres morreu na localidade de Mértola aos 80 anos, segundo informou mediante unha nota, pola tarde, a editora Guerra & Paz.
A personalidade que emanaba dos seus textos é a mesma coa que o define o seu editor: «unha voz chea de entusiasmo», o «tan bo humor», acedo co «grande circo da pretensión, pompa e circunstancia», cita Lusa. Porque Venâncio demostrou que a erudición non vai de man do inaccesible e da distancia, senón que pode estar chea de encanto, de emoción e dunha honesta vitalidade.
Estudou e explicou o portugués e tamén a que, segundo el defendeu mellor ca ninguén, foi a súa raíz, o galego. Venâncio foi escritor, lingüista, tradutor, crítico literario e tamén académico. «A lingüística portuguesa é moi estraña; temos grandes historiadores, grandes investigadores da gramática e sobre todo da sintaxe, pero non hai ningún interese pola divulgación», dicía, explicando implicitamente o seu papel.
A súa obra é ampla como ensaísta e como literato, e rematou na cúspide con Assim nasceu uma lingua (traducido ao galego por Galaxia), que el definiu como a obra dunha vida, merecedora do Premio de Ensaio Jacinto Prado Coelho e que superou as sete edicións.
Malia que morreu onde nacera en 1944, en Mértola, a súa foi unha vida dinámica, movida polas linguas: viviu en Lisboa, en Braga (onde tomou noción da importancia do galego) e nos Países Baixos, onde acabou de formarse sobre a problemática e lexislación das linguas minoritarias en Europa. O neerlandés foi a súa segunda lingua, que traduciu ao portugués e explicou en distintos manuais. Alí ocuparía cargos directivos das universidades de Ámsterdam, a Haia e Roterdam antes de voltar a Portugal.