Andrés Goteira remata a rodaxe do seu segundo filme de ficción, «Monstro»
CULTURA

Antonio Durán, Morris, e Iván Marcos protagonizan a nova película do cineasta lugués
28 may 2025 . Actualizado a las 23:00 h.Tras darse a coñecer con éxito no 2017 co filme Dhogs, un thriller de peculiar e opresiva atmosfera que foi candidato ao premio á mellor película no Festival de Sitges —onde foi a primeira longa proxectada en galego—, o cineasta lugués Andrés Goteira (Meira, 1983) afronta a fin da rodaxe da súa segunda longametraxe de ficción, Monstro. O auditorio Fuxan os Ventos de Lugo acolle estes días os últimos traballos de filmación dunha cinta que conta nos papeis protagonistas con Antonio Durán, Morris, e Iván Marcos, dous actores que xa integraran o elenco de Dhogs. A rodaxe —que se puxo en marcha a primeiros de maio— desenvolveuse maioritariamente en localizacións exteriores en espazos naturais dos concellos de Becerreá, A Fonsagrada, A Pastoriza, A Pontenova, As Nogais, Castro de Rei, Ferrol, Lugo e Meira.

Cunha narración sen diálogos, Monstro móvese en territorios heterodoxos do terror para «explorar a tensión entre o medo e a identidade como parte dunha viaxe á fantasía, ao silencio e ao misterio, a través da historia dun home que se instala nunha casa illada en plena natureza para escapar do tedio da cidade», resume a produtora.
O filme está promovido pola compañía galega Gaitafilmes —fundada polo director— coa colaboración doutras firmas en coprodución como Mordisco Films —tamén nacida no medio rural galego— e Indígena Films. O orzamento do proxecto supera o millón de euros, ao que contribúe a Xunta cunha subvención de máis de 255.000 euros a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), e conta co apoio do ICAA (Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales do Ministerio de Cultura) e a participación de RTVE e CRTVG. O director da Agadic, Jacobo Sutil, visitou onte a rodaxe.
Monstro é o terceiro traballo como director de Goteira, quen, ademais de Dhogs —estreada no Festival Internacional de Cine Independiente de Buenos Aires e a película máis premiada na historia dos Mestre Mateo—, realizou no 2021 o filme Welcome to ma maison, unha arriscada proposta que transita audazmente entre a ficción e o documental.