
A sede da Fundación Luis Seoane na Coruña acollerá nos vindeiros días 13 e 14 de xuño unhas xornadas sobre deseño de produto alimentario
28 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.Ao fío da inminente concesión do primeiro premio Luis Seoane de deseño —que promove a Deputación da Coruña e cuxa resolución aínda está pendente de ditame—, a sede da Fundación Luis Seoane na Coruña acollerá nos vindeiros días 13 e 14 de xuño as xornadas «Do deseño tamén cómese e bebe», centradas no deseño de produto alimentario e comisariadas polo deseñador, ilustrador e ensaísta Pepe Barro (Pontedeume, 1955). El mesmo coordina tamén o galardón de recente creación, que, ademais dunha bolsa económica por importe de 6.500 euros, comporta unha exposición sobre o traballo do autor, grupo ou entidade recoñecidos e a edición dun libro que recolla o seu bo facer.

O propósito do premio —explica— é valorar aquelas persoas que están a construír «as nosas mensaxes visuais máis relevantes, que están a conformar os obxectos máis cálidos e confortables, os que están coidando dos nosos espazos de máis calidade, as persoas que procuran que o noso vestido sexa elocuente e agradábel, as que aseguran unha experiencia dixital novidosa e eficaz», enumera, para salientar que é un proxecto arelado hai tempo e que busca distinguir «as persoas que deseñan en calquera ámbito da profesión, que procuran a excelencia do seu traballo como propósito e que levan máis de dez anos nesa angueira».
Para seren gráficos, lembra Barro as palabras do artista e deseñador pioneiro Luis Seoane: «Unha mesa, unha cadeira que sexan útiles e teñan o engado que xorde do amor ao oficio e do coñecemento valen como un debuxo, un gravado ou un poema, e abren camiños para un pobo a grandes empresas e ao progreso». Moito tempo despois —décadas e décadas— aínda quedan algúns escépticos que cuestionan a importancia e a rendibilidade deste esforzo.

O deseño de produtos alimentarios —asume Barro— vai callando como unha necesidade de primeira orde nas persoas emprendedoras deste sector, un sector, por outra banda, de gran peso no tecido económico galego: «Os nosos produtos deben falar ben de si mesmos, deben achar a expresión da súa personalidade e conectar co seu público. Ben é certo que moitas empresas son pequenas e custa dispoñer dun diñeiro para o deseño, pero vese cada vez máis como un investimento e non como un gasto». O deseño gráfico —hoxe tende xa a ser un axioma— ten un papel estratéxico no sector agroalimentario, o cuarto de Galicia en número de traballadores, que se se lle suma o pesqueiro alcanza o segundo lugar. Que os seus produtos transmitan a súa calidade e a súa identidade aos clientes potenciais non pode ser asunto máis crucial.
Por se persisten as dúbidas, estas xornadas de asistencia aberta e gratuíta poden axudar a entender e profundar. Xuntarán venres e sábado o mellor do deseño galego sobre produtos alimentarios, desde as galletas Maruxas de nata a Estrella Galicia, dos ovos do Pazo de Vilane ao Queique de Ordes, da empanada de Millo Verde ao queixo Cortes de Muar. Cenlitros, Desoños, Uqui Permui, Studio Teiga, Costa, Elga Lamas, Imaxe, Revisión son algúns dos estudios cuxo labor debullarán. Dez firmas galegas que expoñerán os seus máis acaídos proxectos. O encontro ofrecerá un panorama dos produtos mellor deseñados no país, dando a coñecer o porqué e o como de cada un da man dos autores. Toda unha oportunidade para emprendedores, estudantes e profesionais para «chegar ao miolo da identidade gráfica».

As xornadas contarán, ademais, con senllas master class do catalán Àlex Gobern, actual presidente da Asociación de Deseño Gráfico e Comunicación Visual do FAD (Fomento das Artes e do Deseño), con vinte e cinco anos de experiencia traballando para marcas de primeira orde, e o portugués Eduardo Aires, o máis coñecido dos deseñadores portugueses, que presenta, entre outros, os viños e os aceites de Herdade do Esporão, unha marca lusa de notable prestixio.
De par dos profesionais, concorrerán emprendedores como Nuria Varela-Portas, de Pazo de Vilane, e Xosé Ramón Durán, director xeral de Terra de Asorei, que conversarán con Pepe Barro.