O actor Sergi López afirma que «Sirât é unha película que a xente non esquece»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sergi López, Oliver Laxe e o produtor Xavi Font, chanceando co premio este luns en Santiago.
Sergi López, Oliver Laxe e o produtor Xavi Font, chanceando co premio este luns en Santiago. Paco Rodríguez

O director Oliver Laxe incide na conexión «extrema» acadada co público en Cannes

26 may 2025 . Actualizado a las 23:41 h.

«Sería inxusto vir de Cannes e ir a Madrid co premio cando eu son de aquí», afirmaba Oliver Laxe este luns en Santiago, a súa segunda parada despois de estrear Sirât ante os seus veciños de Navia de Suarna no día seguinte a recibir a distinción do xurado no festival francés. «Parecíanos moi simbólico comezar na casa», engadiu o director acompañado polo actor Sergi López e polo produtor Xavi Font. Precisamente, este último lembraba como, tras o galardón, esta estrea «foi un estoupar de emocións, nada mellor que levar a película desde o noso».

Un regreso ao fogar despois de vivir unha experiencia en Cannes que, segundo relatou Oliver Laxe, nunca sentira pese a pasar antes tres veces polo festival cos seus filmes. «A conexión co público foi espectacular, foi extrema. Sentías como a película removía ao espectador. [...] É unha pasada que algúns me dixeran que facía moitos anos que non tiveran unha experiencia así», detallou Laxe. Un aspecto que Sergi López corroborou: «Es una película que la gente no olvida». Así llo fixeron saber en múltiples chamadas que lles chegaban días despois da proxección.

O actor explicou que encarnar ese pai —que xunto a seu fillo se despraza a Marrocos a buscar a súa filla nas raves— removeulle «de una manera especial» por esa aproximación que supoñía a feridas moi profundas. «Meterse en la piel de este señor, actuar con este dolor», semelláballe imposible e non sabía como facelo. «Oliver Laxe nos propone un salto al vacío, tanto que estás delante del precipicio y él te empuja», proseguiu Sergi López. Unhas observacións que tiveron réplica inmediata do director: «Pero eu tírome con el». Alén de López e Bruno Núñez —o rapaz que interpreta ao seu fillo—, o resto do elenco de Sirât carecía de experiencia, como adoita traballar Laxe, anteriormente en O que arde. Así que antes de iniciar a rodaxe, reuníronse en Navia de Suarna, onde estiveron convivindo para coñecer o guión e facer os primeiros ensaios. «Me lo tomé como una inspiración, tienen algo que les desborda», afirmou López sobre os compañeiros. «Foi preciosísimo o que pasou», remarcou o director, facendo fincapé no labor do actor dándolle confianza ao resto á hora de afrontar un filme que chegará as salas o vindeiro 6 de xuño.

Precisamente, Oliver Laxe incide no seu propósito de que a xente regrese ao cine: «O que pasa nunha sala é algo incrible, é unha enerxía moi diferente a ver unha película na casa. Non só polas condicións da proxección, senón tamén por como as imaxes poden penetrar en nós e nos nosos corpos». Nese sentido, insiste en que confía no cine e no poder das imaxes. «Sei que moitos que vaian ver o filme sairán e dirán ‘que paranoia’ ou ‘que se tomou o director’; pero eu confío en que esas imaxes os penetrarán e quererán ir ver outra película destas, feita con alma», afirmou. Foi precisamente iso o que lle pasou a el: «A min o cinema salvoume, ver a liberdade de certos autores á hora de facer as súas películas, quentoume as mans e a alma. Creo que é a miña tarefa transmitir iso».

Neste caso, a pretensión de Laxe foi facer unha obra «que nos force mirar cara a dentro, porque é o que nos pode salvar; daranos máis serenidade e menos angustias». E engade, aínda que se trata dunha película dura: «Non teño ningunha vontade sádica co espectador; quero coidalo e creo que é a mellor forma de axudar ao espectador e a min». O director considera que «o cinema segue sendo un espazo de experimentar cousas fortes, que xa non experimentas na vida».

É unha película que trata de «conectar» coa xente moza, que, sostén, ao igual que lle pasaba a el na súa xuventude, está carente «de referentes, especialmente espirituais». Iso si, deixou claro que isto non exclúe aos máis vellos, como quedou patente na proxección en Navia de Suarna: «A xente maior entende mellor a miña filosofía de vida que está aí na película que a xente nova», corrobora Laxe, que quere converter a periferia en centro.