
Mariluz Montes Quireza, quen tanto apoiou ao cineasta de Forcarei, autor de «Mamasunción», e defendeu o seu legado, faleceu este domingo aos 71 anos
27 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Chano e Mariluz, Mariluz e Chano, dous seres fundidos nun amor —tamén polo celuloide— que ela resumiu a xeito no escrito que eu mesmo lle pedín no 2007 como prólogo ao libro homenaxe Os amigos de Chano. Sen recorrer ao topicazo marxiano (foi Groucho Marx quen o cruñou) de que «detrás dun gran home hai unha gran muller», o certo foi que ambos, máis alá do seu proxecto de vida de dous decenios (Chano finou en 1995) como boticarios na viguesa rúa Torrecedeira, se complementaron como poucos arredor dunha idea, a de facer cine en Galicia.
Contaba Mariluz que aquel idilio de vida comezou alá polo verán de 1974, cando ela e un grupo de amigas marcharon á festa da aldea de Aguasantas, preto do seu berce, no Rubillón, no concello ourensán de Avión. Na romería se lle achegou «un mozo ben posto», que acababa de regresar dunha estancia en Londres para practicar o inglés. Resultou que ambos estudaban Farmacia en Compostela. «Xa non nos separamos en toda a noite», lembraba. E un ano despois «estabamos casados». O que veu deseguida é ben coñecido. Ela agasalloulle unha cámara de súper 8. E a partires da película Os paxaros morren no ar (1977) foi chegando e evolucionando a filmografía de Chano, xa ben coñecida e que non cómpre traer aquí agora. Prendeu na cultura galega como un dos pioneiros maiores do cinema e así seguirá para sempre.
Nos trinta anos transcorridos desde que choramos a Chano aquel 21 de marzo, no que, segundo ela escribe, marchou «para escribir unha fábula no faro do ceo», Mariluz, axudada por ese outro fiel amigo e camarada do cineasta que foi Ángel Viñas, só viviu para preservar a súa memoria. A Academia Galega do Audiovisual deu nun curto período o seu nome aos actuais premios Mestre Mateo; a Xunta creou durante o goberno bipartito os premios Chano Piñeiro; promoveuse un concurso de guións co seu nome; o festival de cine de Ourense creou o galardón Chano Piñeiro; centros de ensino, rúas e prazas bautizados evocando a súa figura. Mesmo se traballou con Mariluz para propor a Chano para a homenaxe do Día das Letras Galegas, mais os académicos consideraron daquela que a escrita de guións en galego e o prolífico columnista na lingua nai non tiñan encaixe nesta celebración.
Todo iso ocorreu sempre baixo a atenta vixilancia agradecida da súa dona, Mariluz Montes Quireza (Rubillón, Avión, Ourense, 1954), muller de iniciativas propias, unha das máis celebradas a Festa Grande en honor da Virxe do Libramento, da que presidía a comisión. Non era como tantas. Imprentaban un programa de man con colaboracións para o caso, varias do propio Chano e ata Graham Greene aportou un texto en 1981. O soño insistente de Mariluz, nos últimos tempos, era promover unha fundación dedicada a preservar o legado documental e artístico do amado compañeiro, que non é pouco e dun valor inmaterial incalculable. Niso seguiremos con ela, quen o tratamos e queriamos.
A luz de Chano Piñeiro esvaeuse este domingo. O funeral terá lugar este martes, ás 18.00 horas, na igrexa de Santa María de Baíste (Avión). A igrexa parroquial de María Auxiliadora en Vigo acollerá un segundo funeral o xoves ás 20.15 horas.