
O arquivo da RAG inaugura unha escolma cunha foto que viaxa a unha romaría do século XIX nunha afirmación da relevancia da música e o canto na cultura popular
15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Nas vésperas do Día das Letras 2025, o arquivo da Real Academia Galega estrea un proxecto no que escolma e comenta imaxes históricas relacionadas coa poesía oral e as cantareiras, ás que a institución lles dedica este 17 de maio. A selección empeza cunha estampa de especial forza e beleza, inmortalizada por José Prieto Guerra a finais do século XIX na popular romaría de San Campio de Santo Ourente de Entíns, en Outes. As pezas compartiranse na sección das Letras da web academia.gal. Todas forman parte do fondo arquivístico dixitalizado e dispoñible en aberto en Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia.
O posado de Outes, que comenta a académica Margarita Ledo, evoca o canto tradicional do pobo que está na cerna da festa. A profesora salienta a disposición frontal e a nitidez da instantánea, na que as mulleres do centro da imaxe portan cadansúa pandeireta e o home parece disposto a empezar a tocar o violín. Semella pensada para unha carta postal e fala da condición de fotógrafo profesional do autor, diferente do amador ou do artista. Canto aos instrumentos musicais e a roupa das persoas que Prieto retrata, «connotan a cultura campesiña» [creadora, xunto coa mariñeira, do cancioneiro] e tamén «a actividade festeira en troco duns poucos reais».
«Mais, de modo singular —engade a cineasta e catedrática de Comunicación Audiovisual—, esta foto míranos dende o corpo dunha clase social que pouco a pouco se vai afacendo á fotografía». Ledo compara así os «ollos desconfiados das rapazas» coa «decisión na actitude da figura central, a muller que organiza o grupo mentres ao seu redor o elemento masculino deixa esvaer un certo sorriso para se representar».
«De chegar esta imaxe décadas despois ás mans do Marcel Mauss, o pensador, que vai cara ás marxes do método porque vive cativado polas sociedades tradicionais, de seguro que localizaría en cada aceno, nas dúas mozas que se tocan apenas os dedos, a transmisión dun xesto social canda a tentativa de que nós, ao ollar a foto, queiramos formar parte da escena, desa dobre existencia, física e imaxinaria, que está na fotografía como construción», reflexiona Ledo.