Literatura galega (1863-1963)

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

11 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O polifacético Aser Álvarez vai reeditar (en facsímile) un catálogo bibliográfico insólito nos anais do xénero: Cen anos de literatura galega. Catálogo da exposición bibliográfica (9-12-1963/19-12-1963). A mostra, exposta no salón rexio do Círculo das Artes de Lugo durante eses once días, foi recolleita, no catálogo citado, por Epifanio Ramos de Castro e por min nun volume de 120 páxinas que editou, ao ano seguinte, a mesma entidade organizadora. En 1963 cumpríanse cen anos da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, o libro auroral da literatura galega moderna. A mostra, ademais de ser unha homenaxe á Cantora, propúñase ofrecer a produción literaria en lingua galega no seu primeiro centenario. Tal esforzo, tamén económico, debeuse, en boa parte, a Ramón Varela Méndez, presidente do círculo nun tempo tan franquista pero coa idea clara de que chegara a hora de facer, coas cautelas debidas, aparicións públicas que cuestionasen o discurso cultural omnipresente do réxime, moi severo, daquela, coas «lenguas y dialectos regionales».

Constaba a mostra de 55 seccións con títulos coma estes: Rosalía de Castro (1), Traballos plásticos e literarios dos alumnos de Enseñanza Media de Lugo encol de Rosalía (2), A lingua galega, cuestión (7), O galego na radio (25), O clero e o cultivo do galego (37), Galegos que non escribiron en galego (41), Obras “dilingües” (45), Ediciós políglotas (51) e Inéditos (55). Cómpre aclarar que a mostra, tamén hemerográfica, no catálogo constaba de 2.149 fichas, un caudal de datos sobre o acontecer literario do idioma galego neses cen anos aínda hoxe útil para bibliógrafos, sociolingüistas e historiadores da literatura. Na reseña de Álvarez Blázquez na revista Grial (n.º 7, 1965) afirmaba: «O catálogo constitúe un auténtico tesouro... nunca se fixo en Galicia nada parello».

No acto preinaugural, só para as autoridades políticas (gobernador, alcalde, delegado de información...), foi retirado o número da revista Galicia Emigrante (Buenos Aires, Luis Seoane, director) que reproducía a octavilla falanxista «No sea bárbaro, hable en castellano».