Violencia de clase e de xénero

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Castelao retratado polo fotógrafo Pacheco
Castelao retratado polo fotógrafo Pacheco

13 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Arredor de 1900, había, nunha pequena aldea galega, un altivo pazo no que traballaban xornaleiros mal pagos e submisas xornaleiras, case polos bocados. O amo e señor, que tiña estatus nobiliario, viña, nos veráns, desde a capital, á pacega mansión para administrar in situ os bens propios. Nove meses despois dunha desas visitas, unha das xornaleiras, boa moza e ben mandada, tivo unha filla que, xa de pequeniña, traballou de mandadeira na casa do señor Marqués.

Os vellos libros da ilustre familia pacega non nos transmitiron o nome nin o apelido desta mandadeira que tamén facía, no pazo, outros laborciños: depelicar patacas na cociña, carrexar olas de auga... Ir, nunca «foi á escola por non ter chambra que pór».

A historia, moi sumaria, chegou á sensibilidade demótica de Castelao en 1925 e contouna nun relato moi breve de 1926, que publicou no primeiro volume do seu libro Cousas, esa obra mestra da narrativa breve europea. Algún erudito na materia pensa que Castelao, literato que era, engadiu do seu maxín un dato ao relato oral: que a rapaciña nunca probara «máis lambetadas que unha pedriña de zucre». Pois ben, ante todo isto, ante este retrato da filla da xornaleira, as xentes da contorna, subliña Castelao, «aínda lle chaman a Marquesiña». Todo nun microrrelato de 378 caracteres.

Onte á tarde, relín por enésima vez esta brevísima historia e soñei, esa noite, que, na Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, fixeran, hai días, unha edición moi coidada da cousa de Castelao, tan coidada que me pareceu, no soño, unha verdadeira edición de bibliófilo. Era un opúsculo, tipo pergameo, encadernado en coiro de cacique, circunstancia bibliográfica que só se dá nos soños de certos eruditos antigos.

Lembro confusamente que, no prólogo institucional da singular edición, afirmábase que o brevísimo relato de Castelao era unha das páxinas máis excelsas, literariamente, na denuncia da violencia de xénero, unha violencia —trato de recordar— especialmente inicua se se exerce sobre a clase social das pobres do mundo, dito sexa parafraseando un celebérrimo verso.