
Unha exposición no Colexio de Fonseca e a plantación dun érbedo no xardín escenifican en abril e maio o «ingreso simbólico, con honores», da escritora no claustro da Universidade de Santiago
09 abr 2025 . Actualizado á 20:31 h.Unha exposición no claustro alto do Colexio de Fonseca -inaugurada este mércores- e a plantación dun érbedo no xardín -o 23 de abril- escenificarán en abril e maio o «ingreso simbólico, con honores», de Rosalía de Castro no claustro da Universidade de Santiago, nunha iniciativa da Cátedra Rosalía que explora as inquedanzas da escritora e a súa «participación das ideas xeradas dende a universidade, incluídas as científicas e, máis especificamente, as botánicas», explica a profesora e poeta María do Cebreiro Rábade Villar, codirectora da cátedra xunto con Fernando Cabo Aseguinolaza. Aínda que non puido cursar estudos universitarios, lembra a USC, Rosalía tivo oportunidade de acceder na adolescencia á instrución musical, dramática, literaria e pictórica recibida como froito da súa vinculación aos círculos progresistas do Liceo da Mocidade.
A proposta organízase arredor de dous eixos: Rosalía como coñecedora dos saberes literarios e científicos do seu tempo e Rosalía como obxecto de estudo dos proxectos de investigación desenvolvidos nos últimos anos desde a USC. Para abordar o primeiro, detalla a universidade, a exposición mergúllase nesa faceta da autora a través dalgúns obxectos científicos dos séculos XIX e XX que forman parte do patrimonio da USC e que «permiten poñer en conexión a súa obra cos discursos científicos do seu tempo, por exemplo, no ámbito botánico».
No segundo eixo, e a partir da experiencia literaria achegada polo proxecto Os ollos das árbores, desenvolvido ao abeiro dunha axuda Leonardo da Fundación BBVA, na mostra acada especial relevo a dimensión formativa que deriva do uso da obra rosaliana en distintos niveis educativos, desde a infancia á idade adulta, considerando asemade o peso dunha institución educativa tan relevante como o instituto Rosalía de Castro de Santiago, cuxo estudantado participa en actividades de transferencia da investigación relacionadas coa escritora que lle dá nome.
Ademais, engade a USC, a cesión do valiosísimo Fondo María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda á Biblioteca Xeral da USC permite que, por vez primeira, sexan amosados ao público algúns obxectos de coleccionismo rosaliano da ilustre estudosa, tristemente finada, canda algúns dos seus cadernos de investigación e primeiras edicións da obra de Rosalía. Parello a isto, a biblioteca abrirá un centro de interese con libros da autora e dos máis destacados rosalianistas do presente para favorecer o seu préstamo.
Para o seu desenvolvemento, este proxecto conta coa colaboración de entidades donantes como o Museo Valle-Inclán ou a Fundación Rosalía de Castro. Ademais e dado que se trata dunha actividade de diálogo entre humanidades e ciencias experimentais, tamén participan activamente no seu desenvolvemento as facultades de Química, Física e Bioloxía.
O Érbedo do pazo de Lestrobe
Coincidindo co Día Mundial do Libro, a Cátedra Rosalía de Castro organizará o 23 de abril a plantación dun érbedo no xardín de Fonseca, nunha actividade concibida en colaboración co Concello de Santiago que procura honrar a memoria rosaliana. Como explica a profesora Rábade Villar, é sabido que a escritora gustaba de escribir onda un exemplar desa mesma especie, sito no pazo de Lestrobe, que foi talado no século XX, polo que, na súa opinión, «a plantación sería un acto de restitución simbólica do devezo de Rosalía pola natureza».
Nesa mesma xornada está prevista a doazón á Biblioteca Universitaria dun exemplar do libro-herbario Os ollos das árbores, así como de dous exemplares do mesmo libro, con ilustracións botánicas dos artistas Cristina Lucas e Fernando Sánchez Castillo, ao Museo de Historia Natural da Universidade, cuxo responsable das coleccións, Juan Manuel Cutrín, participou este mércores na presentación desta homenaxe, como tamén o reitor da Universidade, Antonio López Díaz.