Lugo amosa o gran dominio da cor de Xosé Vizoso en carteis e portadas

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios LUGO / LA VOZ

CULTURA

Exposición dedicada a Xosé Vizoso, coincidindo coa homenaxe que se lle tributa en Lugo con motivo do Día da Ilustración.
Exposición dedicada a Xosé Vizoso, coincidindo coa homenaxe que se lle tributa en Lugo con motivo do Día da Ilustración. Laura Leiras

A exposición, que acolle o Pazo de San Marcos, condensa a traxectoria de máis de 50 anos do artista mindoniense

03 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Que teñen en común As San Lucas de Mondoñedo, a feira do bonito de Burela ou a queimada popular de Cervo? As tres celébranse na Galicia máis ao norte, nesa Mariña onde o nordés e a néboa definen o clima, pero nas tres ademais pousáronse a ollada e as mans do artista lugués Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950) para darlles un baño de cor.

Una exposición inaugurada en días pasados no Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, co título Universo Vizoso, amosa unha das dimensións máis coñecidas do autor, que na fábrica de Sargadelos (Cervo) aprendeu técnicas de deseño que aplicou máis alá do ámbito profesional. Na mostra, por exemplo, pode verse un cartel das San Lucas de 1973: daquela o artista era un xove creador enrolado no proxecto desenvolvido por Isaac Díaz Pardo. Tamén se exhibe o das festas do ano pasado, no que a presenza de trazos facilmente recoñecibles non impide supoñer influencias de Picasso.

O Vizoso que moi novo coñeceu a Díaz Pardo xa recibira antes, na súa cidade natal, un maxisterio que sempre recoñeceu. No instituto mindoniense foi alumno de Juan Puchades, que non só deu clases a moitas xeracións senón que deixou como escultor unha notable pegada en Mondoñedo e noutros lugares: súa, por exemplo, é a escultura de Álvaro Cunqueiro que preside a praza da catedral da vila natal do escritor. E entre as obras da exposición lucense hai unha peza escultórica realizada en ferro que representa a San Froilán e coa que Vizoso gañou un premio nos anos setenta do século pasado, nun concurso convocado en Lugo co gallo do bimilenario da cidade.

Na mostra reprodúcese un texto no que Isaac Díaz Pardo pon de relevo a influencia de Luis Seoane na obra de Vizoso. Seoane inspira a traxectoria de Sargadelos como proxecto cultural, pero tamén a expresión artística de Vizoso, que non limitou o talento a un horario laboral concreto: os carteis das San Lucas dos últimos anos son deseños —inconfundibles, dende logo— de alguén que imaxina e debuxa por pracer.

Xunto aos carteis das festas, as portadas de libros que deseñou reflicten o mesmo dominio da cor, posta neste caso ao servizo de autores tan variados como Xosé Neira Vilas (Cartas a Lelo) ou Xavier Costa Clavell (Agora que vou morrer axiña). Hai tamén traballos que se poden ver acompañados do proceso de composición ata chegar ao resultado final: así ocorre, por exemplo, co volume Mondoñedo: catedral, cidade, bispado na segunda metade do século XX, de Enrique Cal Pardo.

Serie sobre os alfareiros

Se a tarefa profesional de Vizoso púxoo durante décadas na primeira liña dunha firma cerámica, non sorprende que na exposición apareza unha serie dedicada aos alfareiros, algo que, por outra banda, explica mellor a súa raíz na beira do río Masma que el nunca cortou, senón que mantivo viva: Mondoñedo foi terra de artesáns do barro, e as horas pasadas no obradoiro de Tito Freire, pertencente a unha das máis coñecidas familias mindoniense deste oficio, alentan unha serie de vinte debuxos, que veñen acompañados dun texto do escritor Xe Freire, fillo do alfareiro.

Neste caso percíbese un contraste co ton xeral da mostra, pois a festa de cores que estoupan nos carteis desaparece para deixar sitio a unha estética moito máis sobria. En cambio, outra serie, titulada Cabalos, semella case unha descomposición na que as cores mandan con forza diante dos ollos do espectador.

Son, en definitiva, distintas faces dun universo creativo que leva máis de cincuenta anos dando froitos sen que a fronteira entre vida e traballo resulte nidia: o Vizoso que vía pasar por diante da súa casa mindoniense os cabalos que subían ao campo da feira polas San Lucas é o mesmo que deseña os carteis das festas que definen o outono ao norte da Terra Chá e ao sur de Inglaterra, mar por medio. A mostra lucense amosa, deste xeito, que os mestres lle descubriron unha luz artística que el xa levaba dentro acesa.

Os debuxos de Siro e de Xaquín Marín e as palabras de Xosé Neira Vilas

Xunto con fotos da nenez e da xuventude mindoniense de Vizoso, nas que aparecen os pais e os irmáns, ademais de amigos, a mostra supón tamén un percorrido en imaxes e en palabras pola traxectoria do artista visto polos demais. Hai, por exemplo, debuxos del feitos por Siro e por Xaquín Marín, e pode lerse o texto que lle dedicou Paco Pestana cando Vizoso recibiu o título de fillo predilecto de Mondoñedo. Do valor da súa obra e do espírito con que se concibiu dan fe unhas palabras de Xosé Neira Vilas, que compara o valor de Vizoso co das troitas: unha galiña pon un ovo e sábeo toda a aldea, mentres que o peixe deixa no río milleiros deles sen facer ruído.