Exército Mekemeke, Sara Seco, Prado Rúa e Galiactiva triunfan no concurso Youtubeiras

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Foto de familia no Pazo da Cultura de Narón cos gañadores dos premios Youtubeiras+.
Foto de familia non Pazo dá Cultura de Narón cos gañadores dous premios Youtubeiras+.

Rebelico Revista, premio Rede; Luís do Río, galardón á calidade lingüística; e a proposta viguesa de Orgullo Galego, que presentou o vídeo «A revolución galega de 1846», recoñecemento do público, completan o palmarés

01 feb 2025 . Actualizado á 22:40 h.

Os Premios Youtubeiras+ distinguiron este sábado a Exército Mekemeke, como mellor canle de YouTube; a Sara Seco, na categoría de TikTok; a Prado Rúa, na creación de contidos; e á canle ourensá Galiactiva no apartado de revelación. Rebelico Revista levou o premio Rede, Luís do Río conseguiu o galardón á calidade lingüística e o recoñecemento do público —que se decidiu nunha votación dixital na que participaron un total de 5.056 persoas— recibiuno a proposta viguesa de Orgullo Galego, que presentou o vídeo A revolución galega de 1846. Todo ocorreu no Pazo da Cultura de Narón, que acolleu unha vistosa gala de entrega conducida por Javi Sánchez e que contou coa actuación musical do grupo De Ninghures.

Detalle da actuación do grupo De Ninghures.
Detalle dá actuación do grupo De Ninghures.

Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. O concurso conta cunha dotación económica de 7.500 euros, distribuídos así: as categorías de Youtube e TikTok están dotadas cada unha cun importe de 1.250 euros, mentres que no resto de premiados obteñen 1.000 euros.

Salvo o apartado do público, o resto queda en mans dun xurado, que integraron a xornalista Andrea Villa, o profesor e escritor Carlos Callón, a técnica de normalización Mónica Valencia, a guionista Sara Varela e Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do premio Youtubeira 2023. De Exército Mekemeke destacaron no seu fallo «a coidada estética empregada, a calidade técnica, a periodicidade das publicacións e a súa transversalidade». De Sara Seco, «a súa constancia e regularidade, o seu compromiso en diferentes causas (entre elas a da lingua) e o establecemento dun amplo abano de colaboracións». De Prado Rúa, «a súa versatilidade e súa repercusión, así como o seu contido, entre o cal destaca o específico para a recuperación de palabras galegas». De Galiactiva, «o uso e a introdución da lingua galega nun ámbito en que aínda ten escasa presenza, mais de importancia social crecente, e a promoción de hábitos saudables».