A MIT de Ribadavia reforza a aposta polo teatro-danza e o público familiar

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

s

A mostra, do 19 ao 27 de xullo, sumará unha vintena de montaxes

07 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

«Unha programación popular, contemporánea, vangardista, que aposta polas linguaxes híbridas, pero que, ademais, trata de atender todos os públicos». Así define Roberto Pascual, o director artístico da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, esta cuadraxésima edición, que se celebrará do 19 ao 27 de xullo. Unha cita que é unha aposta clara polo teatro-danza, así como polas propostas dirixidas ao público familiar, e que contará con destacados nomes da escena actual, como o dramaturgo chileno Guillermo Calderón, a galega Marta Pazos, a brasileira Alice Ripoll e a inglesa Peta Lily.

Serán unha vintena de propostas escénicas, que convivirán con exposicións, coloquios, cursos e foros. Nesa liña de aposta pola danza e a fusión con outras linguaxes artísticas, esa creación híbrida, enmárcase o espectáculo que abrirá esta edición da mostra no Castelo. Trátase de Dique, de Nova Galega de Danza, «unha compañía moi querida polo público da MIT». Está dirixido por Marta Pazos e reivindica a historia de 200 mulleres ferrolás que escavaron hai 150 anos o dique da Campá de Ferrol.

Tamén destaca a aposta polos espectáculos para público familiar, con distintos formatos, dende os de circo contemporáneo ata as artes de rúa e formas animadas. Isto reflíctese, por exemplo, programando a peza Paüra, da compañía Lucas Escobedo, o domingo 21 a partir das 23.00 horas no Castelo. Trátase dunha aventura escénica de humor para todos os públicos con música en directo, que se xungue con circo e teatro. Do mesmo xeito, poderase gozar da primeira obra para rúa feita polo recoñecido grupo de teatro físico Yllana. Tamén reforzará os espectáculos de rúa e contará con dúas sesión golfas arredor do karaoke.

Teatro inclusivo

Por outra parte, entre as estreas desta edición inclúese Nada se sabe, unha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) con Culturactiva, que conta cun elenco formado por dúas actrices e dous actores con diversidade funcional que repasan diversas versións da discapacidade no teatro clásico. Esta montaxe, que estará dirixida por Ignacio García e Fran Rei, poderá verse o 26 de xullo. «Non é unha cuestión paternalista, senón que necesitamos que estas persoas con diversidade funcional traballen con nós», afirmou Fran Núñez, director do CDG durante a presentación da programación no Salón Teatro compostelán, na que tamén participaron o director da Agadic, Jacobo Sutil; o alcalde de Ribadavia, César Fernández; e o director artístico do festival, Roberto Pascual.

Na programación da Mostra de Teatro de Ribadavia resalta tamén a presenza dun dos dramaturgos con maior proxección internacional de Chile na actualidade, Guillermo Calderón, que presentará unha das súas obras de máis éxito, Villa; así como a compañía El Pont Flotant e o espectáculo En metade de tanto lume, de Alberto Conejero, dirección de Xavier Albertí e interpretación de Rubén de Eguía. A clausura correrá a cargo de Iribarne, unha coprodución de Butaca Zero con varias institucións.

Durante a presentación, o director da Agadic salientou as traxectorias tanto da MIT como do CDG —os dous cumpren 40 anos—, «xa que ambas son parte ineludible das artes escénicas galegas». O rexedor, pola súa banda, incidiu na capacidade da MIT de chegar a todo tipo de público.