A actriz María Barcala, premio de honra Marisa Soto 2024, porque «ela é, sinxelamente, teatro»

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A actriz María Barcala (Vila de Cruces, 1957), retratada en Compostela.
A actriz María Barcala (Vila de Cruces, 1957), retratada en Compostela. AAAG

«Sen María Barcala, a nosa escena non sería. E de ser, sería outra diferente», enxalza o colectivo profesional

12 mares 2024 . Actualizado ás 16:03 h.

A actriz María Barcala (Vila de Cruces, 1957) recibirá o premio de honra Marisa Soto, segundo decisión da xunta directiva da Asociación de Actores de Galicia (AAAG). A entrega será o próximo 21 de marzo na gala dos premios María Casares, que se celebra no teatro Rosalía Castro da Coruña, onde a profesión distinguiráa así polo seu labor a prol do sector escénico e a súa dilatada traxectoria, que «se enmarca —enxalza— na xeración que impulsou o proceso de profesionalización do teatro en Galicia».

Ao longo de catro decenios de traballo, Barcala converteuse en referente tanto dende o punto de vista da interpretación como do impulso de proxectos de longo percorrido; é o caso da compañía Teatro do Atlántico, fundada por Barcala e Xúlio Lago a mediados da década dos oitenta. A actriz pontevedresa abriu camiños dende múltiples facetas para que foran despois transitados polas seguintes xeracións de compañeiros. «Sen María Barcala, a nosa escena non sería. E de ser, sería outra diferente. Porque ela é, sinxelamente, teatro», conclúe o colectivo que impulsa os premios María Casares.

En 1979, só un ano despois de que se estreara o primeiro espectáculo profesional do teatro galego, converteuse nunha das socias fundadoras da compañía Teatro da Mari-Gaila. Formou parte ademais do elenco da produción inaugural do Centro Dramático Galego (CDG): o Woyzeck, de Georg Büchner, presentada o 23 de agosto de 1984 no teatro Rosalía. Coa institución pública traballou nos elencos doutras oito montaxes, entre estas, A noite vai coma un río (1986), Lisístrata ou de cando as mulleres reviraron (1997) e Seis personaxes á procura de autor (2005).